Presenta unha selección de contos
populares protagonizados por animais. Recollidos por nenos das escolas en
terras luguesas, as ilustracións son, ademade, de autores
infantís:
. Aló nos tempos nos que as cousas falaban, o lobo Xan e o raposo Pedro
foron xuntos de mozas e de paso compraron unha ola de mel que quixeron
acompañar cunhas troitas. Mentres Xan as pillaba metido no río, o
raposo acabou co mel, aínda que logo negouno e burlouse do lobo
botándolle a culpa pois suáballe a barriga ao durmir, despois de
que Pedro lle botase auga nela.
. Cando un lobo se foi confesar o cura púxolle de penitencia comer
só libra e media de carne cada día. E cumpriu: comeu unha besta
coa cría, logo unha vaca e o becerro, alegando que a adulta é a
libra e a cría, a media. E así continuou, "igual que moitos
homes, facendo das súas sen faltar á lei de Dios"
. Unha ovella e unha aña estaban pacendo, cando apareceu o lobo. Antes
de comer a aña, pediulle a ovella que dese tres voltas arredor dun
penedo. Mentres, fuxiron. E ao ilas buscar á corte, dixo: "Anque
vou vello e arruñao nunca dei unha volta en vao", ao que a ovella
contestou: "Pois eu anque vou vella nunca tanto espelín a
miña canela"
. En certo pobo tiñan a obriga de lle dar un boi ao lobo todos os
días. Chegoulle a vez a un veciño pobre, pero espilido, que lle
ofreceu os dous bois que tiña a cambio de que llos deixase tres
días para acabar de arar con eles. Sabedor o raposo, ofreceuse a libralo
da entrega a cambio de dúas pitas e un galo. O día acordado, o
labrego pediulle ao lobo que descansase no carro mentres acababa de arar a
curtiña. Ao que quedou durmido, o raposo atouno caladiñamente e,
burlándose del, matárono a machadazos. Como paga, o raposo levou
o saco; dentro ían un par de cans dos máis malos que había
no pobo, os cales antes de que o raposo liscase, receoso ("pitas
serán, pro ulir úleme a can"), agazapárono. O home
atoulle un fachuco de pallas no rabo, púxolle lume e soltouno. Pegou o
raposo a correr pola aira do fulano e queimoulle o palleiro. "Eso foi un
castigo de Dios por non cumprir o trato que fixera"
. Ía andando o lobo por un camiño cando sen se decatar puxo o
pé no burato dun grilo, polo que este ameazouno con pegarlle unha patada
se non saía de alí. O lobo contestoulle que xa que era tan
valente podían formar unha lía. E así o fixeron, buscando
máis animais. O grilo xuntou avespas, abellas e abellóns e cando
o zorro o tirou co rabo berraba: "ó río, ó río
/ que a xente vén de brío"
. Un raposo famento íalle botar o dente a un galo, cando este lle
aconsellou que agardase ao tempo das mallas, que lle había estar
máis gordiño. Aceptou o golpe e, cumprido o prazo, volveu e
chamou polo galo, que dixera chamarse Coidado e estaba na cima dun
castiñeiro, desde onde contestou que "coidado" era o que
tiña. Para convencelo de que baixase, faloulle dunha lei real que
prohibía facer mal uns a outros, ao que lle contestou que baixaba se o
galgo que ía pasar non lle facía nada. Ao que este pareceu, o
raposo pegou a correr. "Móstralle a orde", berráballe o
galo. "Non teño vagar/ que teño moita terra/que
taconear", contestaba el sen pararse.
. O gato e o raposo disputan a ver quén sabe máis mañas:
unha di o gato; mil e un saco cheo, di o raposo. Aparece un galgo e o gato
válese da súa maña para subirse a unha árbore. O
raposo, en troques, corre para non ser atrapado, polo que lle berra o gato
desde o carballo que procure sacudir as do saco pois as mil xa lle
debían ir fóra.
|