blix



Pepe Carreiro: O ladrón de mel
Ilustracións de Pepe Carreiro

Col. Os Pequenos Barbanzóns, 1. Ed. Toxosoutos. Noia, 2007

O ladrón de mel

No castro de Baroña, os Pequenos Barbanzóns xogan a moer millo miúdo, que Banza, o oso larpeiro, zampa. Logo quere papas e non llas dan, polo que de noite a lareca róelle no bandullo, non o deixa durmir, e sae do castro. Cando, á mañá seguinte, no veciño castro de Neixón, Manicho Cativo vai por mel para adozar o leite para o almorzo atópase con que non hai ningún nas colmeas dos tíos. Sospeitan do oso lambeteiro, pero como non teñen probas preparan unha trampa ao pé da colmea para cazar o ladrón.
Banza empachou e está inchado, polo que o menciñeiro mandou que non comese nada en tres días. Á súa vez, Manicho Cativo, que tampouco non dá durmido por mor do mal almorzo, vai silandeiro ás colmeas. Mentres, Baal, que sente lástima de Banza, decide levarlle unhas papas pero non o atopa. Vai ás colmeas e alí están, caídos no foxo, os dous famentos. Menos mal que chove e dan saído aboiando. Así, ao abrente, os de Neixón só atopan ras na auga do foxo... Nese momento, en Baroña, quitan o frío da molladura con mel quente os dous, que non son ladróns... porque á fin e ao cabo só querían un bocadiño de mel.
Edición con ilustracións a toda páxina, que incorpora ademais pegatinas dos personaxes e unhas páxinas finais coas ilustracións dispostas para seren coloreadas polos lectores.

32 p. - 23x17 cm.                                                         ISBN    978-84-96673-09-0



Opinion