 |
Cando unha badalada da Berenguela lle indicou a Sara que era
hora de comer, deixou de xogar cos amigos e pasou pola Praza das
Praterías. Alí, Branco de Cores, o cabalo que se alimenta dos
soños dos rapaces que visitan Compostela, chiscoulle un ollo para que
montase dacabalo del. Levouna á gran sala do Pazo de Xelmírez,
onde recende a empanada dun dos personaxes de pedra; pasaron por onda o Gato
Negro, coas súas tapas de orella de porco; na praza de abastos viron o
Asasino perseguindo un galo, que ha guisar con arroz para o menú dos
estudantes; pola Praza de Mazarelos entrou un carro de bois con bocois de
viño para repartir polos bares de Santiago; na carballeira
celebrábase a típica feira e as dúas Marías
comían o polbo da Aurora de Carballiño con Santa Susana e
Rosalía de Castro, que baixara do seu pedestal para unirse a elas; viron
saír da librería Galí ao xornalista compostelán
autor do libro coñecido polo seu alcume, o Picadillo; pasaron pola
pensión "La casa de la Troya", co seu famoso caldo que revive a un
morto; atoparon ao indio Gran Lucky, que gañaba o pan facendo de estatua
humana na Praza do Obradoiro desde que pecharan a cafetería na que
traballaba. E volveron ás Praterías, onde a Berenguela
repetía a badalada que anunciaba a unha da tarde. Agardábaa a
súa nai, que a levou comer. Álbum que se ambienta nos espazos
representativos da cidade. |