 |
Furibundo era rei de medio mundo. Tiña moi mal xenio e
como era algo despistado esqueceu que antes de pechar unha porta convén
ter fóra o corpo enteiro: pechou con forza a porta do salón,
antes de que a perna dereita acabase de pasar, esmagando a deda gorda do
pé dereito. Cando levaba un mes na cama, coa deda inchada como un
enorme tomate maduro, mandou que lle preparasen unha bota para poder andar: o
zapateiro real fixo unha cun furado que se negou a poñer, pois asomaba
por el a deda vermella coa uña negra e brillante. Todos os zapateiros do
reino propuxeron alternativas que el rexeitou. Ata que un zapateiro do reino de
Eleuterio, o rei do outro medio mundo, deu coa solución: unha bota con
burato para a deda inchada, que lle cubriu cun auténtico balón de
fútbol. Aínda que ao fincar o pé no chan doíalle a
deda, como estaba feliz só ceibaba un laio pequeno. Andaba dunha maneira
ben rara: pousaba só o calcañar do pé dereito,
erguía os dous ombros ata as orellas e daba un saltiño adiantando
o pé esquerdo. Así paseaba polo reino. E cada vez máis
"mandamaises" imitaban ao rei na maneira de andar, mesmo sen balón de
fútbol na bota dereita. E tamén a xente. Non se sabe se a deda
lle chegou a baixar ou non, porque seguiu a levar a mesma bota ata que morreu.
E por iso pasou á historia como "o home que inventou unha maneira de
andar". Por certo, houbo un caso famoso dun neno que, durante un banquete
real, lle deu unha patada moi forte a un balón de fútbol que viu
debaixo da mesa. Pero esta é outra historia... O texto e as
ilustracións preséntanse en páxinas diferentes e
alternativas. |