|
Curiosa recuperación dun pequeno exercicio de memoria
autobiográfica deste clásico da literatura galega sobre a
súa infancia, ata o ingreso no instituto aos nove anos, nun mundo novo e
descoñecido. Conta Otero Pedrayo da súa condición de
fillo único que alternaba as vivencias, medoñentas en
ocasións, na cidade natal de Ourense, coa festa da casa rural de
Trasalba. Recorda personaxes curiosos ou populares, que moitas veces
atendía o seu pai médico na casa da aldea, en medio dun espacio
natural que segue con harmonía o ritmo das estacións. Co seu
amigo e veciño Vicente Risco compartía xogos e coa miseria da
época ou a tensión social da guerra de Cuba reflexionaba con
temor sobre unha sociedade que vai ser o centro da súa inmensa obra
intelectual posterior. |