|
No
Limiar, Alicia L. Pardo, mestra, presenta a experiencia e as circunstancias de
creación do libro, que incluía máis traballos a partir da
visita real da pita. A voz narradora da primeira persoa conta a historia de
algo máis de dous cursos nun colexio da montaña luguesa, onde se
viu alterada a normalidade pola visita dunha pita rubia. Sentíndose a
gusto, pois o carpinteiro estaba amañando os furados para que non
pasasen tanto frío, puxo tres ovos. Desde ese día, a
galiña non deixa de visitalos, de tal modo que, aínda que ela xa
se instalara na papeleira, fixéronlle un niño. O problema foi que
a dona do animal reclamou os ovos, que eles aproveitaban para facer tortillas
para as excursións; mesmo decoraron as cascas. Ademais, os cans
intrusos, un avizolo e un parrulo foron os seus inimigos, que ela deu vencido.
Mesmo despois das vacacións de verán, a pita volveu á
escola para poñer. Era o xoguete de todos, aínda que ás
veces tiñan que mandala calar para poder traballar. Con letra
caligráfica, debuxos e retratos dos alumnos coa insólita
compañeira, e a naturalidade do galego dialectal, recóllese esta
experiencia real nun colexio da montaña luguesa de Os Ancares, desde
abril do 75 ata xuño do 78. Logo chegou a concentración escolar,
e con ela a morte dun colexio que se fixera habitable co esforzo dos
veciños. |