blix



Isabel Freire: Glub, o incrible peixe-bala
Ilustracións de Xan López Domínguez

Col. Merlín, 162. Edicións Xerais. Vigo, 2006

Glub, o incrible peixe-bala

Conta Glub, un peixe molón de cor laranxa e unha manchiña marrón no lombo que o fai diferente aos outros que viven con el no acuario de David, dos preparativos para a próxima celebración da festa do acuario. Nesas, a curmá de David trae nunha bóla de cristal un peixe fermoso, de ollos grandes e cola dobre, que semella unha bolboreta voando na auga. Nervioso, non para de nadar e ao chegar a noite salouca. Como Glub se interesa pola súa inquietude, cóntalle que é unha peixiña, Blan, que se sente moi triste e soa pois na tenda facía moitas festas cos amigos. Logo de botar toda a noite falando, Glub sente que se namorou. Dá en cavilar na maneira de traela para o acuario: taponando o tubo do osíxeno cunha pedra que, ao saír disparada coa presión, axitará a auga formando unha grande onda, impulso que el aproveitará para chimpar deica a bóla de Blan. E así foi. Nunha perigosísima manobra, a xeito de peixe-bala, introdúcese na bóla. Lamentablemente, ten a auga fría. A piques está de quedar teso de non ser por David, quen, pola mañá, ao velo aterecido trasládao para o acuario. E con el a Blan.
Agora todos están contentos e poden celebrar a súa gran festa.
O peixe Glub é tamén o protagonista da primeira entrega destas aventuras no acuario: Glub contra Blef.

61 p. - 19x14 cm.                                                  ISBN    84-9782-440-7



Opinion