blix



Tucho Calvo: Gatipedro
Ilustracións de Antonio Caíña

Col. Sondeconto. Kalandraka Editora. Pontevedra, 2002

Gatipedro

Aquela mañá Adiña volveuse erguer coas sabas molladas. Aínda que seus pais lle recordaban que non bebese moito e que fose ao baño antes de se deitar, ás veces ocorríalle que estaba a soñar tan tranquila e ¡zas! acordaba empapada. Prometeuse que non volvería pasar.
Esa noite achegouse ás portiñas que levan ao territorio dos soños, onde estaba o ananiño argalleiro Pedro Chosco, o que pecha as pálpebras dos nenos. Acompañouna polas terras dos soños, onde viu árbores con forma de bombón ou piruleta, desertos de confeti, o bolimarte, un xigante con forma de elefante e cara de oso de peluche... Mais ninguén sabía onde nacen os pesadelos que fan mexar na cama.
Ata que bateron con Cunqueiro, o explorador dos soños, quen os levou onda un gato branco cun corno mouro polo que deitaba auga: o Gatipedro, o culpable de que os nenos sintan ganas de mexar na cama. Como arrastra a lingua ao andar, disque non entra nos cuartos se se pon sal na porta e ventás pois non soporta o salgado. Pedro Chosco ofreceuse a poñer o sal nas portas dos ollos, entre o mundo real e o mundo dos soños para que Gatipedro non poida cruzalas. Por iso as sabas dos nenos que saben esta historia aparecen enxoitas polas mañás.
Mais non se conforma o Gatipedro e a calquera hora do día verte auga do seu corno nos nosos ollos. Daquela choramos. Por iso as nosas bágoas saben a sal, ao que botou Pedro Chosco para que poidamos soñar en paz.
Historia infantil que parte do personaxe de Álvaro Cunqueiro, nunha edición excepcional cun creativo traballo de ilustración, incorporando xoguetes antigos. Inclúe un disco compacto con banda sonora de Javier Santacreu interpretada pola Orquestra Sinfónica de Galicia, en dúas versións: unha coa narración e a música, a outra coa interpretación musical exclusivamente.

36 p. - 17x19 cm.                                                          ISBN    84-8464-117-1



.  
TRADUCIÓNS

castelan Gatipedro
Col. Sondeconto. Kalandraka Editora. Pontevedra, 2003
40 p. - 17x19 cm. / ISBN: 84.8464.191.0



Opinion