|
Raquel vive nunha
casa a carón do mar. Pódeo ver desde a fiestra do seu cuarto.
É o espazo dos seus xogos e o lugar onde seu pai sae a faenar cada noite
para volver ao día seguinte co pesqueiro cargado de peixes. Pero unha
mañá o mar desapareceu, era só un inmenso espazo baleiro.
Para os cativos resultou unha novidade fascinante, mais os maiores estaban
tristes e inquietos. André, un vello mariñeiro, contoulle a
Raquel que os salmóns medran nos ríos, veñen vivir ao mar
e de grandes acaban volvendo ao río en que naceron. Esa noite Raquel
cavilou na cama que se cadra o mar, como os salmóns, había volver
ao sitio en que nacera. Con este pensamento quedou durmida. Ao espertar,
¡o mar volvera! Raquel sentiu entón unha fonda ledicia, a mesma
que sentimos cando regresa ao noso lado a persoa que un día marchou e
tanto queremos. |