|
Recolle esta edición tres contos en verso
nos que a infancia e os animais conforman o eixo temático. Dous deles,
¡Xa non teño medo!
e mais¿Un cachiño de
bica? publicados xa con anterioridade. Inédito é
Can branco, can negro, que conta as historias non paralelas de dous cans
dende que naceron: un, Nicolau, bonito, de boas maneiras e con ocorrencias que
facían rir á xente; o outro, Correcamiños, na
beiravía da estrada onde un home malo e feo botara a cadela branca que o
tivera, que o mantiña a el e aos cinco irmáns, que alí
xogaban, felices. Os dous medraron: Nico non era lambón mais
gustábanlle as galletas para xogar con elas facéndoas rolar polo
chan e perseguíndoas; os fillos da chita branca medraban felices e
gordechos. E tamén descubriron: nun arrabalde perdido coincidiron un
día, atraídos polo cheiro dunha cadela bonita seguida por cen
cans, que lles botaban gruñidos pois sabían que só un
sería elixido pola cadela. E asisaron: Correcamiños
propúxolle a Nico que fose con el á vila, onde hai fartura de pan
que bota a xente entre o lixo, e el aceptou por ver algo de mundo; como
había feira, acomodáronse ao abrigo dun toldo dunha adestradora
de paxariños. Entón, asentaron: trabaron nos calzóns a un
home que espantou os paxariños e fixérono escapar da praza
asustado. A muller, agradecida, ofreceulles quedar con ela, pero Nico non pode,
polo que se verán cada vez que haxa feira. O ritmo áxil, o
simbolismo de metáforas procedentes do espacio común coa nenez e
a eufonía da rima mostran unha gran madurez creativa e abren un
espléndido camiño poético para os lectores máis
novos. A superación dos medos da noite, que se transforma en amiga e non
é xa tempo de medos para un neno, a amizade entre dous cans de orixe ben
diferente e a relación tan fraternal entre un rapaz e unha cadela, son
tratados con sensibilidade e tenrura. As mesmas cualidades que adornan o
traballo de ilustración, perfectamente integrado co texto.
|