blix



Colectivo Crisol: O dragón e a princesa / Apio / O fillo do rei
Ilustracións de Giuseppe Sentiero

Col. Contos populares. Ed. A Nosa Terra. Vigo, 1998

O dragón e a princesa

Nova entrega do Colectivo Crisol na que se recollen e adaptan para o lectorado infantil tres contos populares.
"O dragón e a princesa" conta a historia dun matrimonio desolado ante a imposibilidade de ter un fillo ata que un día que se dispoñen a comer un peixe, descobren marabillados que fala e que lles propón unha maneira especial de dividilo en partes e enterralas para lograr ter un fillo. Logrado o seu propósito, teñen dous fillos e co paso dos anos un deles deixa o fogar en busca de aventuras, que comezan cando chega a unha vila que ten que rescatar da ameaza dun terrible dragón. O rei, agradecido, permite o seu casamento coa princesa. Pero os perigos non acaban pois o cabaleiro, curioso por descubrir o misterio do pazo encantado, adéntrase nel e queda convertido en estatua de pedra. Nesta ocasión é o seu irmán quen virá rescatalo e por fin a historia remata felizmente.
"Apio" é a filla duns campesiños que con moita dor teñen que separarse dela e entregarlla a un desalmado cabaleiro cando cumpre quince anos pois así llo prometeran a cambio de poder concibila. Apio está secuestrada na torre dun castelo, privada de toda liberdade, e vixiada por unha malvada bruxa, ata que un fermoso príncipe, prendado da súa fermosura, acode na súa axuda e xuntos conseguen fuxir e ser felices.
Por último en "O fillo do rei" nárrase a historia dun herdeiro da coroa que, envexado por un parente da raíña, que adoece polo poder, espera o momento do seu nacemento para guindalo ao río nun caixón de madeira ata que é acudido por unha familia de muiñeiros. El é feliz, ignorante da súa herdanza, ata que un día por azar o agora nomeado rei descobre que o rapaz aínda está vivo e trama un novo plan para desfacerse del. A partir deste momento iníciase unha trepidante aventura con final feliz.

58 p. - 18x17 cm.                                                               ISBN    84-89976-55-4



A nosa literatura infantil e xuvenil 1998
Gálix (Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Biblioteca "Nova 33" -Obra social da Caixa Galicia
Coordinación: Mª Isabel Soto López
Xunta de Galicia - Consellería de Cultura - Dirección Xeral de Cultura. Guías culturais, 18. 2000




Opinion