| Xosé A.
Perozo: Don Cazapalabras Ilustracións de Xosé Cobas Col. Montaña Encantada. Serie Azul Ed. Everest Galicia. A Coruña, 2007 |
![]() |
Érase unha vez o universo de Semprefalarás, onde habitaban moitas
linguas moi antigas e sabias: Linguas Medias -nin antigas nin modernas-, que
facían negocio vendendo e mercando palabras; Linguas Cantoras, que
lavaban as súas palabras e poñíanas a secar prendidas con
notas musicais; Linguas de Cores, fachendosas, sempre de festa e moi
bailarinas; Linguas Guerreiras, grises como o chumbo e moi serias; Linguas
Modernas, sempre viaxando e cambiando de traxes... Todas se levaban ben
até que apareceu por alí a escura dona Cismeira, que tiña
envexa das linguas, roubáballes as mellores palabras e engulíaas
ou dáballas de comer aos animais que non sabían ler. Pola
súa culpa, moitas linguas quedaron mudas, outras non entendían o
que dicían elas mesmas... Até que a expulsaron de
Semprefalarás. Mais o mal estaba estendido como unha sombra que non
deixaba ver as palabras nin usalas. Así viviron moito tempo até
que chamaron a don Cazapalabras, que cazou todas as palabras posibles e
meteunas dentro dun invento chamado dicionario, onde todas están
felices. E tamén as linguas. |
|