| Antón
Cortizas: Dominicus, o dragón Ilustracións de Antonio Castro Col. Ala Delta. Serie Vermella, 1 Tambre/Edelvives. Zaragoza, 2002 |
|
En Vilalila de Enriba vive Dominicus, un
dragón moi raro. Aínda que, como todos, é feo como un
veleno, non por iso deixa de ser fino: só traballa os domingos e os
outros días dorme. Gústanlle as falcatrúas como tapar a
Lúa ou chamuscar na xente con seu lume. Mais todos soportan as
súas gracias con paciencia porque atrae turistas de todas as partes do
mundo. Ata que un día se lle apaga o lume, que non dá recuperado
nin rascando a lingua contra a parede. E un dragón sen lume xa non
interesa a ninguén. Como non lle fan caso, séntese moi
desgraciado, con friaxe e vergonza por estar nu. Decide que se ten que tapar,
polo que veste o que atopa: camisa laranxa, pantalón bombacho, chaqueta
de cor anil, calcetíns de cen raias, botas verde botella, luvas
amarelas, casco de latón e na puntiña do rabo un cordón
colorado. Aínda que está ridículo pois a roupa élle
grande de máis, el atópase elegante. E ocorréselle que
pode traballar de bombeiro. Entón dálle por apagar todo: teles,
luces, ordenadores, consolas, farois e mesmo as ilusións. A xente, farta
del, bótao da vila. |
|
|