 |
Ata sete cartas, un
aviso, outro telegrama e receitas de cociña compoñen este
conxunto de textos amables en clave de xogo. Milio, cociñeiro nun
colexio de cidade escríbelle á súa irmá, Mara, que
segue na aldea coidando os animais e a horta, das cousas que lle pasan na
súa nova vida (e como lle gustan ao carteiro Raúl, tamén a
este lle escribe): da rapaza á que non lle gustan as súas
croquetas desde que xogou na praia a que era unha croqueta empanada de area; de
cando uns alumnos lle botaron sal no café ao rosmón do profesor
de ximnasia; dunha rapaza que sempre comía cos dedos e gracias a uns pos
de cores no ovo frito deixou de facelo; da bibliotecaria do colexio, preocupada
porque aos nenos gústalles comer mentres len os libros e deixan sabores
ou manchas neles; ou de Visilín, o pallaso do Gran Circo de Moscova que
se desincha cando chora. E tamén historias fantásticas: do
rei con tres fillas que desterrou á pequena porque lle dixo que o
quería como o pote ao sal e cando comeu sen sal decatouse do valor do
cariño da princesa; de cando os humanos lles roubaron a música
aos cans, que desde entón ladran, tristes, á lúa chea (a
cadela Cuca que ladra tan ben como un cantante de ópera é unha
boa proba da verdade do conto). Ademais, inclúe receitas para
sobremesa: pipas con chocolate; bonequiños de neve con chocolate branco
e negro; plátano esmagado. E o remedio dunha cunca de leite de cabra e
noces contra o trasno Caligón, o que fai que rompamos as pernas.
Mara, á súa vez, cóntalle a Milio do mexillón que
para coñecer mundo deixouse caer no mar, pero as ondas volvérono
traer á praia; para consolalo, o caracol Gumersindo convídao a
cear por medio do dragón Paco, o que lle escribe poemas de amor á
lúa. Raúl refírelle a Milio unha de medo: da rusa
Natasha que quedou sen ollos por culpa do Home de Area, do deserto; pero xa
quedou sen poder. Remata o libro coa futura visita de Raúl e Mara
á cidade, por onde anda seica o Vampiro dos Canellóns, que fai
que a xente soñe cousas bonitas e non queira espertar máis para
seguir soñando feliz. E unha derradeira carta anónima a Raquel, a
profe de matemáticas algo meiga: é do Vampiro, que lle pide que o
convide a cear, pois así daralle unha trabada no pescozo e
leváraa soñando a unha viaxe fabulosa. |