blix



Miro Villar, Heidi Kühn-Bode, Xosé Miranda e Xosé A. Perozo:
Contos de vermes, libros, princesas e parrulos
Ilustracións de Víctor Rivas
Col. Lagarto Pintado
Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural. Consellería de Cultura e Deporte. Xunta de Galicia. Santiago de Compostela, 2006

Contos de vermes, libros, princesas e parrulos

Nova entrega desta colección editada pola Xunta de Galicia en conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil, coa colaboración da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (Gálix). Recolle catro relatos:
Noel, o verme rico da verea, de Miro Villar, é unha historia en verso que conta do estraño planeta de Linguapolis no que viven felices os vermes cortadores, onde todo cambiou cando un deles, cobizoso e tirano, comezou a esixirlles peaxe a todos por pasar polo única verea existente. Ata que a descuberta dunha herba de fino aroma fai que fuxa covardemente.
E dixo fresquiño, o libro riquiño, de Heidi Kühn-Bode presenta a historia en verso dun libro chamado Fresquiño sen autor nin editor, que se presenta nunha tenda de queixos para ser vendido e véndese el a si mesmo contando que trata dos dereitos dos nenos a voar, emporcarse na lama e mollarse nas pozas, a non facer guerras e soñar, compartindo os libros cos outros rapaces.
En Apio, Xosé Miranda recrea un conto tradicional: hai moitos anos, cando os pitos tiñan dentes e as troitas pelo, un rei, por cumprirlle o antollo de ensalada de apio á súa muller embarazada, comprometeu ante un mouro mago o primeiro ser que nacese no palacio. Como resultou ser a princesa, levouna este e pechouna nunha torre, alimentada desde fóra por unha anciá. Cando a viu un príncipe, rescatouna e conseguiu levala a palacio, malia a persecución da vella gardiana, valéndose dos poderes máxicos dunha sortella, un peite de ouro e un frasquiño de licor que ela mesma lle regalara á princesa. Que, claro, casou co príncipe.
Foedus, o parruliño que sempre foi feo, de Xosé A. Perozo trata dun parruliño que naceu tan feo que a súa nai decidiu chamarlle Foedus, nome ben pouco habitual na república dos parrulos. Era o que mellor lle acaía, pois era certamente feo feo, coas súas ás de tantas cores como o arco da vella. Mais pouco a pouco foi descubrindo que era excelente bailarín, gran cantante, excepcional nadador e, ademais, moi sabio e fermoso por dentro. Por iso se namorou del a parruliña más fermosa da república dos parrulos.

58 p. - 11x19 cm.                                                               D.L.    735/2006



Opinion