|
Colección de catro contos ambientados na
época de Reis e tres relatos no tempo de Nadal. En A
mañá do monstro conta o narrador que á noite
máis fermosa da súa vida sucedeuna a mañá
máis espantosa: un monstro perseguiuno pola casa adiante
cegándolle un ollo e arricándolle un brazo e unha perna entre
arrepiantes gargalladas e palabras incomprensibles, até que cando
está agachado debaixo da cama ocorre o milagre: a nai bérralle ao
rapaz que deixe en paz o robot ou os Reis Magos nunca máis lle
traerán agasallos. A Noite de Reis da Princesa presenta a unha
princesa que está esperta cando chegan os Reis Magos cos agasallos e
négase a durmir sen velos antes, polo que Baltasar cóntalle o
conto da princesa que se nega a deitarse sen ver antes os regalos.
Entón, queda durmida. E ao día seguinte di que o mellor agasallo
foi o conto que lle contou o rei de noite. Marquiños quería
un balón trata dun rapaz que desde que aprendeu a escribir sempre
lles pediu aos Reis Magos un balón de Regulamento sen que ningún
ano llo trouxesen, polo que cando cumpre nove anos vólveo pedir coa
ameaza de que se non llo cumpren o desexo nunca máis crerá neles.
Déixanlle unha esfera terrestre, coa que pode xogar como se fose unha
pelota: seguramente será o balón regulamentario do próximo
Campionato do Mundo e por iso llo deixaron os Reis. Xandro e
Tomé son dous rapaces que se coñecen na parada do bus
escolar. O primeiro é fillo de pais ricos, o segundo só ten de
agasallos de Reis roupa nova. Ese ano, o Día de Reis Xandro vai
compartir con Tomé e os seus amigos os seus regalos: por primeira vez en
moitos anos, gustoulle de verdade xogar cos agasallos que lle trouxeran os Reis
Magos. A viaxe de Fátima é a dura experiencia dunha
moza de dezaoito anos, viúva e a piques de ter un fillo, que escapa do
seu país en guerra para o rico Norte, onde logo da travesía do
mar a policía descobre a súa lancha e captúraa, mais na
praia mesmo dá a luz a noite do 24 de Nadal. E unha nena de catro anos
que ve o recén nado, di que acaba de nacer o Neno Xesús e
é negro. O home que reconstruía a súa casa
refire o empeño dun home maior, viúvo e sen fillos, en
reconstruír a casa malia a que en dous anos sucesivos, o 24 de decembro,
un dos exércitos enfrontados derrubouna e requisoulle os animais para
alimento dos soldados como contribución solidaria á causa. Cando
o terceiro ano se dispon a refacela con resignación por terceira vez, un
capitán di non comprender ese empeño pois a guerra non rematou e
non é seguro que vaia seguir en pé até a paz. Mais un
soldado novo di comprender menos o empeño dos xefes militares en
continuar a guerra cando o que conquistan un ano pérdeno ao
outro. O señor Scrooge tiña razón é o que
lle contesta un tío que sempre desaparece polo Nadal ao seu
sobriño, que lle reprocha a súa ausencia e compara co personaxe
de Dickens polo seu odio a tales festas con elementos de hipocresía
social. Pero, a partir dese día, cada Nadal envíalle unha postal
desde os máis diferentes lugares do mundo cun pequeno texto: "Non lle
fagas caso ás pantasmas de Nadal". |