 |
Ana Mª Fernández presenta varios contos que
teñen como protagonistas algúns dos habitantes da selva de
Longorongón. En "A autoestrada misteriosa" narra os sucesos vividos
por unha formiga desexosa de coñecer o que hai no mundo que decide
marchar do seu formigueiro. Cando xa leva andado un bo treito e sente tremer a
autoestrada pola que viaxa, foxe de contado para o seu fogar, ao decatarse de
que tal autoestrada verde era unha serpe. En "Un traxe de estrelas" relata
o acontecido a unha xirafiña de pel limón claro sen manchas de
tizón, cando prepara un plan cos seus amigos para alcanzar as estrelas e
poder facerse un traxe. O plan non funcionará e vendo a lúa que a
xirafiña se quedaba sen amigos e sen estrelas, teceralle un manto con
mil luceiros. En "O pelouriño da ra" conta a historia dunha ra que,
ao ir por un oviño, convida a todos a tomar piña con menta.
Coñecedora de que aos seus convidados o que lles interesa realmente
é comer o seu oviño, cando estes se dirixen cara a ela, colle o
seu fillo acabado de nacer e sobe a unha palmeira con el, para dicirlles dende
alí que ela marcha de aventuras. En "O parrugalipavo" refire o
acontecido a unha pava, a unha parrula e a unha galiña que, tras serlles
roubado o ovo que cada unha estaba chocando, deciden coidar un entre as tres
para ver se así tiñan a posibilidade de que lles nacese un
parrugalipavo. En "Nilo e Dilo" o vello crocodilo Nilo pensa en buscar a
alguén que o substitúa cando morra e por iso coida un
oviño brillante. Así ao pouco tempo nace Dilo que, en vez de
ocupar o seu cargo de xefe, marcha voando para o País dos Contos, onde
decide quedarse a vivir. |