|
Nove
contos, protagonizados na súa maioría por animais e inspirados
nos contos clásicos infantís. O rato fedello que vai ao
colexio dos ratiños dorme en pixama cun ollo aberto. A vaca de
dúas lúas na testa e traxe branco e negro sae de paseo á
braña coa prima Chi-Lin-Drada. O burriño sobe lento pola costa
coa herba cando unha mosca lle fai cóxegas facéndoo espirrar:
é un "birruco" (non foi á escola). O lobo, mentirán
papaxoubas, enfariñando a pata, entra na casa da cabuxa mentres ela
compra no supermercado e papa os cabuxiños; por quedar durmido logo da
paparotada, acaba sen nada no bandullo e camiño da lúa convertido
nun foguete con rabo. O "lampantín de touciños" pode derrubar as
casas de palla ou cemento, pero non pode coa de pedra, polo que se mete pola
cheminea, pero os tres bacoriños acenden lume de indios e fano fuxir
chamuscado. O lagarto, mozo verde e gallardo, ten o rabo tronzado; intenta
pegalo, sen éxito polo que todos se rin del; pon entón un parche
nun ollo e cun guincho afiado pasa a ser o capitán terrorífico
dos prados: o "lagarpirata". O elefante, tan ridículo co nariz
descomunal e o rabo cativiño, co que gaña traballando no circo
vai ao cirurxián crocodilo, que lle arrinca a trompa dun bocado en vez
de arranxarlla. Tamén sabemos do monstro que engorda coa escuridade
e coa claridade encolle, que se agocha entre os xoguetes ou tras a porta do
armario. Pero non hai que ter medo del pois só é un neno
horroso. E, por último, a Cincenta, que é unha "principenta"
no baile de palacio, e cando o príncipe a localiza é a
"zapatenta" que vai casar con el. Concibidas como xogos
caligráficos, as historias cobran vida no verso e no orixinal tratamento
tipográfico, tan atraente como suxestivo. |