blix



Varios: Os contos da campaña, 1
Ilustracións de Xan López Domínguez

VII Campaña de Fomento da Lectura. Xunta de Galicia. Santiago, 1992

Os contos da campaņa, 1

Nesta edición institucional con motivo da VII Campaña de Fomento da Lectura recóllense catro contos orixinais de recoñecidos autores galegos de literatura infantil-xuvenil:
O poeta Manuel María conta a "Historia do bigote dun gato que se chamaba Mimí". Fiz, rapaciño de sete ou oito anos, tiña un gato precioso e moi murador, Mimí, que non permitía que ningún rato andase pola casa, pois axiña daba boa conta del. Ata que se lle ocorreu, logo de ver a seu pai afeitarse na barbería de Manuel de Paderna, afeitarlle o bigote. Entón centos de ratos aproveitaron para rirse do seu inimigo. Menos mal que o propio Manuel de Paderna lle devolveu uns bigotes enormes e fermosos. Desde aquela, só con ollalos Mimí, os ratos caían mortos redondos.
Bernardino Graña en "Papi Patón obedece a Pomba" pon na voz dunha rapaza, Pomba, o que lle ocorreu o sábado cando foi cos seus pais ver o mar, aínda que ela prefería ir ao estanque dos patos. O coche non quería arrancar ata que obedeceu a Pomba e acendeu. Por iso tamén o pai logo fíxolle caso á filla e levouna ao estanque.
Gloria Sánchez García relata a historia de "Amado, señor dos paxaros", un dos cinco fillos do rei Raimundo, señor do mundo, quen antes de morrer repartiu a herdanza, deixando a cada un dos fillos un cofre (da seda, das sementes de trigo, da auga e da pedra, segundo as súas inclinacións) e un planeta. Ao máis novo, Amado, que tiña o máis grande corazón de toda a galaxia, deixoulle un saqueto con tres pantrigos. Os outros intentaron utilizar os cofres para facerse ricos, acabando encerrados na súa propia avaricia. O pequeno non dubidou en darlle os seus pans a un paxariño famento e foi levado por milleiros de paxariños á Terra, planeta solitario e triste, ao que consolou cun manto de seda, pan, auga e casa de pedra que obtivo dos cofres dos irmáns. Desde aquela, Amado desapareceu pero os seus paxaros véñennos alegrar os corazóns cada primavera.
Ana María Fernández García conta en "As gafas de Venmeler" que Adriana aínda non sabe ler e quixera saber para que seu pai, que é poeta, a deixase entrar no seu faiado, onde escribe, e perderse xogando entre as moreas de misteriosos papeis. O home do quiosco verde do parque vendeulle un día unhas gafas que lle chinas, as de Venmeler, que segundo as instruccións permiten ver as cousas que non vemos cos nosos propios ollos, sobre todo nos faiados. Con elas, unha noite foi quen de ler unha adiviña, atinando a solución: papaventos. Entón o papaventos Feixucas levouna ao planeta Poeta, onde coñeceu a todos os personaxes dos contos e poesías; logo, ao Xardín dos Escritores, no que tamén estaba seu pai, que acababa de dedicarlle unha poesía; finalmente, tróuxoos aos dous de volta á casa. Desde aquela, nunca máis volveu estar pechada para ela a porta do faiado.

34 p. - 20x24 cm.                                                          ISBN    84-453-0365-1



Opinion