blix



Silvia Pazos Hermida: O conto dos silencios
Ilustracións de Rodrigo Pazos Blanco

Col. Xiz de Cor, 5. Ed. Baía. A Coruña, 2005

O contos dos silencios

A Cidade das Quintas é unha vila redonda como un disco. Todas as rúas rematan na Praza Maior, onde está a Casa do Concello e a alcaldesa Harmonía. A xente di que é unha deusa, da que xa falaban os libros de hai máis de 2.000 anos. As rúas teñen catro carrís e en vez de coches hai notas circulando por elas. Os habitantes, os quintiáns, son todos músicos, aínda que tamén traballan en oficios normais. Sorrín a miúdo porque cando están preocupados soen cantar ou escoitar música.
Un día ocorreu algo extraordinario: naceu un neno xordo. Todos o ignoraban e el medraba convencido de que era invisíbel, pois ninguén lle falaba. Era Luv, que mataba o tempo andando a cidade e ollando pasar as notas. Até que o viu, por primeira vez, Harmonía. El sorprendeuse moito, sentiu que non era invisíbel e saíu correndo avergoñado. Desde ese día, a alcaldesa empezou a enfermar. Os quintiáns xa non sorrrían e empezaron a botarlle a culpa a Luv do mal de Harmonía. O rapaz agachábase onda as notas, andaba polas sombras, sempre de noite. A cidade tornouse desagradábel. As notas ocupábano todo, o volume da música non permitía que a xente se escoitase e os quintiáns pasaban o día enteiro tocando, e moi mal. Unha noite puxeron as radios tan altas que non podían durmir e saíron ás rúas na procura de Luv. Atopárono zugándolle os fluídos a unha corchea, pois collera o fatal costume de chuparlles o zume ás notas. Cando o ían apreixar, Harmonía morreu. Entón a música empezou a soar tan estridente que tiveron que tapar os oídos para protexer os tímpanos a piques de rebentar. Luv notou que a música que comera se lle revolvía no estómago e acabouna vomitando, pero en realidade saíulle un cadradiño mouro ao redor do cal só había silencio.
Os quintiáns sentiron por primeira vez a ausencia de son e gustoulles. Luv creara un novo elemento para a música, que tiña ademais de notas e compases tamén pausas e silencios. Entón reconstruíron a cidade, limpando as notas que sobraban e inventando outras melodías. Nelas colocaba Luv os seus cadradiños mouros, onde as notas paraban. Todo soaba mellor, cunha curiosa beleza nova.
Un día apareceu na cidade unha muller que tamén se chamaba Harmonía, máis fermosa que a anterior. Todos a recoñeceron como a nova alcaldesa. E xa ninguén sentiu morriña da antiga vila, pois os quintiáns sorrían decote. Incluído Luv.

36 p. - 21x21 cm.                                                            ISBN    84-96526-20-8



Opinion