|
Conta unha castaña de cando unha nena,
Inés, a recolleu na beira do río e plantou nunha maceta no
balcón para que medrase e logo transplantala ao monte. Tivera sorte.
Lembra que naceu nun enorme castiñeiro, dentro dun ourizo que un
día se abriu presentándose ante ela un abismo, suspendida no aire
e cegada pola luz. Un vento traizoeiro fíxoa caer e rolar ata un rego
onda outras. Por elas soubo que o seu futuro podía ser acabar papada
polo xabaril, roída por un verme por dentro ou celebrada polos humanos
como alimento na gran festa do magosto, preferiblemente. Pasaron os días
na maxestosidade da fraga, onde coñeceu os primeiros humanos, dous
anciáns que viñan latricar sentados, o fero xabaril, que enguliu
a moitas pero non chegou a ela, e a fermosa compaña de tantos animais e
plantas. Ata que un día a auga levouna a rolos ata un regato que
desembocou no río, onde a atoparon Inés e Laura. Agora
está contenta pois sabe que o seu futuro é o mellor: ser unha
grande árbore. |