blix



Ramón Caride: O cabo da Serpe
Ilustracións de Eduardo Baamonde

Col. Montaña Encantada. Serie Azul
Ed. Everest Galicia. León, 2004

O cabo da Serpe

No camiño do Norte está Ínismar, a illa máis fermosa do mundo. Os insulares viven do mar, que lles dá alimento e horizonte, sosego e furia. Durante o inverno, as barcas recóllense nos seus peiraos da furia dos temporais e eles acubíllanse nas casas. Na súa punta máis afastada está o cabo da Serpe, onde só medran herbas bravas nos seus cons espidos e o balbordo do mar pon medo; hai moitos anos que ninguén vai pescar alí porque non hai vida ningunha.
Como o mar non é tan farturento como antes e a colleita é cativa, non hai moitos nenos. Elsira é a máis espelida de todos. Unha noite o seu pai volveu da pesca coas redes baleiras e triste. Aquela noite ela soñou cunha grande balea azul que ía cara ao cabo da Serpe, facéndolle sinais como se a chamase. Repetiuse tantas noites como o pai volveu desalentado. Ela pensou en ir ata o cabo, pero os pais tíñanllo prohibido. O avó contoulle a razón: disque alí vive unha serpe enorme e aterrecedora que co seu alento de lume mata de lonxe. Mais a rapaza seguía a soñar o mesmo soño e as redes do pai a vir baleiras. Polo que un día decidiuse a ir alá.
Todo era sinistro no cabo: non se vían paxaros, as pedras parecían queimadas e a auga do mar era como ludre. De súpeto, un balbordo estremecedor fíxoa caer ao chan privada de sentido. Pasado un tempo, o medo impedíalle abrir os ollos pero vía achegarse a ela un estraño animal que parecía conter todos os animais e plantas do mar que se presentou como a vida de Ínismar, a quen xa só os nenos saben escoitar. Fora unha serpe moi longa que lles dera vida aos homes ata que a cobiza destes foi facéndolle perder os aneis. Agora só queda un círculo da vida, o derradeiro, que abrangue toda a illa. Xa tragou tanto veleno que entra no mar que o seu ventre non atura máis. Hai unha esperanza. Que Elsira atope as respostas vencendo o medo e facendo o que os grandes non se atreven a facer. Logo, mandoulle abrir os ollos e que andase ata o cabo. Alá foi e quedou abraiada: había moreas de ferros retortos do naufraxio dun barco que deitaba no mar un líquido viscoso e fedorento. Aquel era o verdadeiro monstro ao que os grandes non se enfrontaran: o medo da xente, que non se atrevía a ir ao cabo, deixara fluír aquel veleno. Entón ela volveu disposta a falar con todos e explicarlles que se limpaban o mar e aprendían a escoitar a vida os peixes volverían ás redes. Porque agachar os problemas non serve de nada.
Nunha nota final os dous autores conclúen que algunhas verdades só poden sobrevivir no abrigo agarimoso dos contos.

48 p. - 21x19 cm.                                                            ISBN    84-403-0520-6



Opinion