blix



María Victoria Moreno: A brétema
Ilustracións de Xaime Asensi

Col. Elefante Contacontos, 1
Ed. Ir Indo. Vigo, 1999

 A brétema

En Vilaxeada, unha aldea costeira, vivía hai moitos anos unha velliña moi vella, de mans como bacelos de vide, cara enrugada como as veigas labradas e ollos cansos con mirada de aloumiño de cristal. Pasaba os días sentada á porta da casa ao agarimo da raiola de sol. Desde alí, vía pasar os días, co sol e as nubes, mais sen néboas, que daquela non había... Tamén vía pasar os mozos, que lle facían promesas que logo non cumprían, e os nenos, que se mofaban dela. Triste, xa que non tiña con quen falar, cada día dáballe por chorar máis, como para alongar o aloumiño do sol, que demoraba a súa marcha para acompañala. Día a día ía mirrando, ata que acabou por consumirse no charco das súas bágoas, que o sol converteu nunha nube donda de brétema, que o vento levou camiño do solpor deica o cume do monte da Peneda.
Dende alí enriba, soa e silandeira, devecía por volver á aldea, mais xa non tiña pés para andar nin ollos para chorar. Sentíase esquecida de todos. Pero un día o vento contoulle que os veciños andaban na súa busca. O mesmo vento que a baixou suavemente deica a aldea, pousándoa nos bicos das árbores e nos cumios das casas. E díxollelo aos veciños, que se alegraron de tela onda eles de novo, pois non é como as nubes, que poden causar males coas treboadas. Ela fai sorrir as flores e amorna o tempo. Ás veces sobe ata a Peneda. Entón chámana os labregos, mandándolle recado polo vento.
Se ti tamén a queres ver, achégate á fiestra. Verás a Misia Senín convertida en mil pingueiras lenes, sorrindo desde os bicos das árbores e os cumes das casas.

32 p. - 20x12 cm.                                                          ISBN    84-7680-279-X



Opinion