|
Era unha vez un neno gordiño e comellón ao que todos chamaban
Bóla de Manteiga. Gustáballe xogar cos cubertos e as cazolas.
Unha tarde petou na porta da súa casiña unha bruxa horrible coa
cabeza debaixo do brazo e un saco ao lombo que dixo traerlle un
coiteliño de prata. Aínda que a nai mentiu dicindo que ía
no bosque, el saíu de debaixo da mesa para coller o coitelo. Como non
chegaba meteu tamén a cabeza no saco, momento que aproveitou a bruxa
para metelo dentro e levalo. O saco pesáballe, polo que parou a coller
folgos e quedou durmida á beira do camiño, momento que el
aproveitou para furar o saco co coitelo de prata, meterlle catro tarugos de
madeira, coser o burato e liscar correndo. Cando na casa foi botar a
Bóla de Manteiga na pota, ela e o seu home quedaron feitos unha
sopa. Volveu ao cabo duns días levando un garfo de prata. Do mesmo
xeito, levou o rapaz no saco. No camiño, cando ela parou a facer as
súas necesidades, el furou o saco co garfo, encheuno de pedras e foise
pitando. Na casa, cando baleirou o saco na auga fervendo, a pota escachou e ela
e seu home escaldados quedaron bufando de rabia. Ao día seguinte
levou un cullerón de prata, e volveu picar o rapaz. Desta vez, ela non
parou ata chegar á casa. E, mentres o home preparaba o caldo, foi
visitar as comadres. Cando abriu o saco, quedou aparvado vendo ao rapaz bater
no bandullo co cullerón. Díxolle que estaba a preparar o unto
para o caldo, e que mentres podía botar unha sesta que lle abrise o
apetito. Como era un lacazán, foi durmir e mentres el botou no caldo as
pedras, os tarugos, unha rata morta e un bote de graxa dos zapatos, e meteuse
na cheminea facendo unha escaleira co garfo, o coitelo e a culler. Cando veu
ela probou o caldo e atopou algo duro. Bóla de Manteiga berroulle desde
a cheminea que aínda non estaba cocido. Ela quixo subir a pillalo,
prendeulle a saia no garfo, caeu na ola e morreu esfolada. E o home? O home era
tan nugallán que durmiu moitos anos esperando que alguén o
chamase para ir comer. E Bóla de Manteiga marchou para a casa "e con
cubertos de prata, merendou torta de nata". Adaptación a partir dun
conto tradicional noruegués editada en formato de álbum con
ilustracións a cores a toda páxina. |