blix



Helena Villar Janeiro: Belidadona
Ilustracións de Enjamio

Col. Ala Delta. Serie Vermella, 2. Tambre/Edelvives. Zaragoza, 2003

Belidadona

Conxunto de poemas nos que se contan pasaxes da vida de Belidadona. Dende que naceu guapa, rica, boa e sabia, unha corza veu para onda ela e xuntas medraron, mentres ían pasando as horas, os días, os meses e as estacións.
Como a aguia e a raposa lle contaron contos dun mundo que elas viran lonxe daquel lugar, devecía por ver unha cidade e as súas novidades. Alá foi na vasoira dunha meiga, que a pousou na torre da catedral. Mais logo quixo volver á súa montaña. Aprendeu xeografía polas aventuras que lle contaban as anduriñas. Pintaba co seu dedo na tona das augas e os barcos ían e viñan coas súas velas brancas. Na Noite de Reis agardaba un agasallo que nunca chegaba. Cada tardiña poñíase na porta da casa e viaxaba cun príncipe ao seu castelo; logo, a noite espertábaa. Ías ás festas moi vestida con bordados. Mesmo facía películas cos amigos animais. Duchábase coa chuvia e o vento era a súa toalla. Un día viu como a corza derrotou o dragón, rescatando así a doncela. Cantaba ópera con voz de soprano acompañada polo Cuco Cantor. Cando enfemou, o moucho receitoulle remedios naturais. Cando quere ser poeta, repara ben as palabras que garda nos armarios e nas carocas e sóltaas como lenes bolboretas polo azul de zafiro.
E cando un día apareceron bichos forasteiros, que pasaban moi cansos camiño de San Andrés de Teixido, entre eles un ourizo cacho que fora viquingo e cabaleiro de Arturo, sabe pola corza que ela foi dona Xenebra, e a corza dona Urraca.

59 p. - 20x13 cm.                                                          ISBN    84-263-4897-1



Opinion