blix



Gloria Sánchez: ¿A onde van as bolboretas no inverno?
Ilustracións de Xosé Cobas

Col. Montaña Encantada. Serie Azul
Ed. Everest Galicia. León, 2003

¿A onde van as bolboretas no inverno?

Cando remata o verán, as bolboretas métense polo buraco dunha árbore e van á súa casa debaixo da terra, onde gardan o seu traxe alado. Alí preparan cores voadoras secretas coas que á noitiña pintan as follas das árbores, que logo levantan o voo. Despois agachan a semente das flores, destapan a cántara dos ventos, engordan as nubes bebés con mamadeiras de orballo e a algunhas aliméntanas con leite de algodón para que chovan neve. Feito o traballo, compran lambetadas no súper das formigas e celebran un banquete no que non falta de nada.
Cando aparece o Inverno, un xigante velliño de longas barbas e cabelos canos, as formigas permanecen no seu refuxio ao abrigo do lume contando historias de fadas e trasnos. El acaba marchando para a súa cova da montaña de neves perpetuas e, entón, un solciño vaise desprazando ao tellado do mundo. A casa das bolboretas é un bulebule: unhas espertan os grilos, as toupas ou os gromos das árbores; outras, chaman os paxaros para que volvan. Pero o momento de máis rebumbio é cando reciben a coleccións de ás da nova tempada deseñadas polo trasno modisto Filipo. Xa poden saír perfumar os campos, as alamedas e as flores. O sol contempla marabillado o milagre da natureza que agroma, por iso os días son máis grandes.
E todo gracias ao traballo calado das bolboretas durante o inverno.

48 p. - 21x19 cm.                                                          ISBN    84-403-0428-5



Opinion