 |
Conxunto de
vintetrés poemas, na súa maior parte cuartetas afables, como
caricias líricas. Desde o neno que dorme ledo e soña ser
cabalo, ser roseira, ser pallaso, ser outono... ata o vello que lle canta
á lúa para que lle fale de amores e ela marcha silandeira. Son
versos do amor do río e as pedras, da nena loira, que camiñaban
pola fraga e os prados, do piolliño e a pulga, da lúa e o sol.
Son amores campesiños e mariñeiros. Son soños como as tres
pinguiñas da fonte que se converten en tres fadas de inverno, as tres
bagoíñas de escuma da pastora soa no monte ou os tres nenos
bolboretiñas do vento mollado esta noite: ¿polo medo ou polas
pinguiñas da fonte? É a maxia das letras do barquiño que o
rapaz fixo cun xornal, que se foi ao fondo porque pesaban moito as novas. Pero
el salvou as letras e con elas fixo un conto. Ata que chegue a sombra que racha
os soños. Entón o rato diralle á lúa:"Nunca
reparas en min; / por iso vivo na rúa / metido nun calcetín".
|