 |
Cando á Terra das
Mil Aldeas chegou a nova de que noutras partes do mundo había enormes
cidades, que eran a civilización e o progreso, os seus habitantes, que
vivían espallados en pequenas lugares nas montañas, quixeron ter
unha cidade, para non ser menos. E, abandonando as casas das aldeas,
construíron unha Gran Cidade, sen xardíns e con rúas
abouxadoras de cemento e casas altas. Mesmo constituíron un Parlamento e
acordaron chamarse a Nación da Gran Cidade. Nun esquecido val quedaba
unha pequena aldea que limitaba coa primavera da fraga, a dos prados, a das
rosas e a dos loureiros. Para saber como era, pediulle á fada Orballo
Recendente que a levase coñecer a cidade. A fada converteuna en
invisible a cambio de que falase con ela cada amencer. Á aldea non lle
gustou tanto cemento e ruídos nin puido falar con ninguén, pois
non se decataban da súa presencia, e ocorréuselle facer
fotocopias das súas primaveras e repartilas pola cidade. Pero como era
invisible saíronlle fotocopias invisibles. Entón decidiu
regresar. Ao despedirse de Orballo, saíronlle unhas bágoas a
Aldea, que se mesturaron coa visible pinguiña de orballo formando unha
copia pequena que caeu ao chan reproducindo a aldea dos catro vestidos. A copia
real foise agrandando ata acabar rodeándoas de verde e espesura: naquela
erma estrada apareceu unha preciosa fraga coas súas casiñas de
montaña. Entón os habitantes da cidade decatáronse do
tesouro que aparecera en pleno corazón do cemento e desde aquel
día volveron apreciar o verde, e puxéronse a arranxar as casas
derrubadas nas aldeas abandonadas. Aldea volveu ao seu agochado val, onde
segue conversando ao raiar o sol coa fada. Cóntase que de cando en vez
as dúas fan escapadas a países afastados para reverdecer os
montes queimados ou soltar oasis no medio dos desertos. |