blix

AUTOR        ·        LECTOR           ·          COLECCIÓN          ·          XÉNERO         ·          ANO



An Alfaya: A recortada
Col. Fóra de Xogo, 30
Edicións Xerais. Vigo, 1999

A recortada

I. Recorda Martín o sucedido cando era rapaz. Fora un día co seu can, Setembro, á casa dun veciño polo leite e alí un preso escapado da cadea encanonouno cunha recortada. Seica o condenaran por matar cunha machada a un veciño que se apropiara da súa leira. Cando apareceu a mai na súa busca, o fuxido mandouna ir avisar a garda civil, para cambiar a súa impunidade pola liberdade do rapaz. Ao chegaren, os civís inculpárono doutro asasinato, que Martín entendeu que era de Mariña, a mestra nova que o tiña engaiolado, e sospeitando que o mesmo fixera co seu can e mais co dono da casa, botouse a el, arrincoulle a recortada e matouno dun tiro.
II. Uns anos despois, Martín é o fuxido con fame que volve á casa do mesmo veciño e encanona a un rapaz, Roque. Nesas entra a mai: ¡é Mariña!, que o ata e manda o neno pola garda civil. Revélalle Martín a súa identidade e entón ela cóntalle que tivo o fillo de solteira, e herdou a casa por coidar o dono, que enfermara logo daquel incidente. Bícanse como dous náufragos, sorpréndeos o fillo, que estivera axexando, e encanónaos coa recortada, orgulloso de ter un prisioneiro. Cando a mai o convence de que deixe de facelo, enredáselle a escopeta no xersei e dispáraselle, matándoa. E Martín foxe.
III. Con máis de corenta anos, e logo de quince na cadea, volve Martín onda Roque e cóntalle todo isto. Roque non fala e el segue contando a súa historia: logo da morte de Mariña, da que o culpaban os xornais, refuxiouse nunha chabola, onde unha mociña, Dolores, o encanonou cunha recortada, ata que se decatou de que non era un asasino senón un pobre tolo e non o denunciou. Pouco despois, foise entregar o propio Martín ao cuartel da garda civil. Cumprida a súa condena, veuse para a casa familiar, mortos xa os pais, disposto a esquecer sen rancor a cabronada que lle fixo a vida. Pero Roque segue sen lle contestar: quedara sen fala desde a morte da súa mai. Cando sae Martín, escoita dous disparos: matárase Roque. Pero el está demasiado canso para empezar unha nova fuxida.
A primeira versión deste texto, en forma de relato, mereceu o XI Premio Ourense de Contos para a Mocidade 1994 convocado pola Casa da Xuventude e a Agrupación de Libreiros de Ourense.

125 p. - 21x13 cm.                         ISBN    84-8302-351-2
os lectores opinan Opinion