 |
Celebrando a
chegada ao número cen da Colección Merlín,
publícanse cinco relatos orixinais de algúns dos autores
máis destacados que nela teñen obra.
En A muller prohibida de An Alfaya conta un rapaz os paseos co
padriño, xa maior e con lagoas na memoria, nos que este lembra dous
momentos felices: a morte do dictador Franco e a fugaz visión do lombo
nu da fermosísima muller do mestre, a muller prohibida da súa
nenez, nunha imaxe que permanece aínda na súa retina logo de
tantos anos. O afillado convértese así na súa memoria.
Ramón Caride refire en A primeira aventura de Sheila e Said un
suceso da primeira infancia dos dous irmáns protagonistas dunha serie de
libros que se desenvolven na sexta década do século XXI
("Ameaza na Antártida", "Perigo vexetal" e "O
futuro roubado"). Ante un ataque dos inimigos do seu pobo, teñen
que fuxir cos outros nenos do oasis no que viven a unha cova, onde unha
patrulla os descobre pero respecta a súa temperá idade.
Instaurada a paz, instálanse co avó no muíño de
Loreda, a vella casa familiar.
O narrador de As sombras do faro, de Agustín Fernández
Paz, recorda cando chegou a Pontebranca para facer o primeiro curso de
bacharelato. A torre dun vello faro, sobrevoada polos corvos decote, que todos
os veciños prefiren ignorar, é o escenario do seu misterioso
descubrimento duns seres fantasmais. A ousadía de acercarse a ela
provoca as ameazas dos vilegos contra o intruso, a prohibición de seguir
saíndo coa moza e o traslado familiar para unha cidade próxima.
Agora, trinta anos despois, leva rosas vermellas á torre, sabedor de que
fora escenario de fusilamentos na guerra civil. Tapiado o pozo no que botaron
os "roxos", converteuse nun obxecto de visitas turísticas.
Do que lle aconteceu a Silvano a consecuencia de caer dunha cerdeira de
Xabier P. Docampo conta o acontecido a un rapaz traste cando caeu da cerdeira e
deu en desfalar, en dicir as palabras ao revés. Os médicos do
hospital non dan co remedio, pero si a avoa: unhas boas lapadas corrixen
parcialmente o defecto e provocan nel a facultade de desencadear a
realización dos seus desexos. Un día xogando ao fútbol
mandou a pelota ao lousado da casa, concentrouse en subir por ela pero non foi
capaz de dosificar mentalmente o descenso sen arriscarse a levar unha boa
zoupada. O esgotamento puido con el e, medio durmido, caeu enriba do pai. Desde
entón fala perfectamente e non ten poderes mentais. Pero o pai fala ao
revés. A avoa terá que aplicar novamente o seu remedio, pois,
morta como outras veces, regresará outravolta cando a enterren sen a
dentadura.
Miguel Vázquez Freire sitúa A secta do can nunha
megacidade do século XXII. Ax recibe o encargo de destruír o xefe
da Secta do Can. Os seus seguidores entremétense en ciberpantallas
privadas e nas dos centros de ensino ou dos estadios deportivos con mensaxes
contrarias á Orde Única Universal. Coa axuda do axente de
pantalla Alf, localiza a un mozote recluído no seu turullo desde hai
tres anos, cando estivo a piques de morrer na escola por mor dun abuso que a
dirección non penalizou. Solidarízase con, manipulan os
circuítos de Alf e foxen xuntos da macrocidade. En plena natureza, Ax
recorda os tempos nos que os humanos non se deixaban mandar polas
máquinas.
|