|
Nesta edición
institucional con motivo da VIII Campaña de Fomento da Lectura
recóllense catro contos orixinais de recoñecidos autores
galegos:
Miguel Vázquez Freire en "O rapaz que non quería ser
heroe nin sabía dicir amor" presenta os supostos fragmentos do
diario de Arno, un xove de dezasete anos da primeira centuria da Nova
Cronoloxía, descubertos por investigadores da Escola de Estudios
Psicohistóricos. Tratan da súa viaxe desde a cidade de Fisterra
ás terras saharianas e, segundo a profesora Ioia Pax Docampo,
responsable da súa edición, proporcionan unha curiosa
descrición do nacemento do sentimento amoroso nun adolescente daquela
remota época. Neles, conta Arno que leva dous anos en Fisterra con Imaz,
Arturo e Gwendaill, asistindo ás clases do Mestre Cego e aprendendo a
coñecérense a si mesmos, preparándose para unha futura e
inevitable misión digna de heroes. Merlín (o seu anel - prototipo
de ordenador persoal que se comunica directamente co sistema neuronal do seu
usuario percibindo canto pensa, que crearan os seus pais, asasinados por
intentar mantelo en segredo) non entende o qué é un heroe. E
cando Arno ten pesadelos no deserto (reproducidos segundo a
"transcrición mental directa") reclamando que non o deixen
só, Merlín analízalle racionalmente as súas
reaccións ante Gwendaill, provocadas por un sentimento distinto da
amizade que os humanos chaman amor. Entón Arno sabe que está
namorado e decide confesarllo a ela. Neste texto, o autor recupera, a xeito de
posible continuación, os personaxes da novela
Proxecto pomba dourada
Xabier P. Docampo presenta a historia "O Espello do viaxeiro".
Un home volve a cabalo á casa logo de 7 anos para facerse cargo da
herdanza dos seus pais mortos. Perdido na noite, vai dar a unha casa: unha
ferraría onde só está o dono, que é fisicamente
igual a el, só que no ollo esquerdo non ten pálpebra. Beben e
pelexan mesmo e o ferreiro fíreo nun ollo. Cando se recupera,
días despois, descobre que xa é igual que o ferreiro, polo que o
mata. Ao día seguinte, regresan a muller e o fillo, que o toman polo
ferreiro auténtico, e comprende que a súa condena polo asasinato
é esa: ocupar o lugar do morto. Este relato recóllese no libro
Cando petan na porta pola noite.
Darío Xohán Cabana conta en "O Tesouro da Lagoa"
que Graciano, un rapaz de Roás de catorce anos, certo día de
primavera que non foi a clases María, á que lle andaba a facer as
beiras sen atreverse a pedirlle noivado, foi pasear polos prados onde estaba
nos tempos antigos a Lagoa de Valverde, a cidade asolagada polos seus pecados e
lendaria polas súas riquezas. Atopou durmido a un rapaz de orellas
grandes, que resultou ser un home de setenta e sete anos, quen lle ensinou a
furada na que vivía, co ouro da cidade por todas partes. El é un
dos "segredos", que aparenta un ser normal cando o ollas os humanos.
Ao se despediren, regálalle a Graciano un anel de ouro para a rapaza
á que quere namorar.
Xosé Antonio Neira Cruz participa con "Un somnífero
moi particular", onde presenta a Mila, unha rapaza que ao rematar as
clases ten que ir facer de canguro da súa irmá e coidar dos seus
trillizos, tres trasnos que nunca teñen acougo. Pero aquela tarde,
sorprendentemente, durmían todos tranquilos. Incrédula, foi
comprobar e descubriu que en cada cabezal tiñan unha lentelliña
luminosa. Ao retirárllela, espertaban: actuaba como un somnífero,
que unha bruxa de feltro puxera, cansa, como os demais xoguetes, de que nunca a
deixaran descansar.
|