 |
Buguina é unha cuncha de nácara
afundida no areal da illa do Esquecemento, un anaco de terra perdido na
inmensidade do océano Ausente. Semienterrada na area, cobizaba aflorar
á superficie. Un día un navío naufragou, como tantos
outros que, enganados pola aparencia tranquila das augas e a beleza dos
arrecifes de coral da illa, descoñecían o poder de succión
do remuíño que a envolvía. E de pronto ela sentiu ao seu
lado un náufrago, quen, sen comer nin evacuar os seus humores corporais
nin durmir, seguía sentado, inerte. Ademais, perdida a memoria,
converteuse en Nada sen lembranzas na Illa do Esquecemento: ignoraba que se
sentía infeliz e tampouco sentía o sabor das bágoas que
lle saían.
Pasaban os días e o náufrago era unha estatua sen
condición humana, perdidas a memoria, a mobilidade e a sensibilidade.
Aínda que os seus órganos vitais seguían funcionando, non
sentía: era Nada Esquecida na Ausencia. Mentres, a Buguina sentía
emocións e mesmo tivo un pesadelo dun barco con seres monstrosos. Ata
que se sorprendeu toda fóra da area, libre. Esvarou achegándose
ao pé de Nada, atreveuse a rozalo, e el comezou a sentir o sangue
circular, a recuperar as sensacións nos pés enterrados e lembrar
a súa nenez con arrepío. Mais as pernas afundíanselle na
area e Buguina soa non o podía rescatar da "súa imparable
viaxe". Un paxaro veu peteirarlle un ollo, pero a coiraza metálica
protexeuno e o paxaro crebou, sendo engulido polo mar. Os microorganismos da
area atacaban a súa pel soterrada, pero tremeu e fuxiron. Con
máis de medio corpo enterrado, recuperada a sensibilidade nos
pés, non se daba movido. Ela sentiu amor por el e a impotencia de non
poder impedir que se seguise afundindo.
Levantouse o tornado Augavento cando se achegaba un navío. Buguina
loitaba por quitarlle a area a Nada e acercándose á súa
boca conseguir que saíse aire dela para transformalo en chamada de
auxilio ao barco. Os dous empezaron unha loita desesperada pola vida. O
náufrago intentando manter a cabeza ergueita, presentindo que
alguén o acompañaba na súa batalla. O barco pugnaba co
vento sen conseguir aproximarse á illa. Cen días e cen noites
durou a batalla entre o océano Ausente, coa complicidade do tornado de
area, e o navío procedente do outro lado da curva do horizonte, os
mesmos que Buguina e Nada se mantiveron inmóbiles, cosidos polos beizos,
el con só a cabeza por riba da superficie.
Entón recuperou a memoria: subira a un cruceiro para esquecer un
desamor, pero nun momento dado o pánico adonárase da
tripulación ao chegar ás illas de coral nas que a lenda fala dun
mar sanguinario, da alianza de Poseidón co tornado Augavento para
impedir que ningún barco se acerque ao seu niño de amor na Illa
do Esquecemento. Buscou no seu abdome o aire envasado durante tantas xornadas
de inmobilidade, enviouno á boca rompendo a coiraza en dúas
metades. E Buguina, convertida nun corno, recibiu o sopro e un son de mar
rebotou por toda a illa, transformando o tornado nunha brisa, durmindo ao deus
Poseidón. O náufrago ergueuse, pisou a buguina co pé sen
darse conta, enterrándoa na area, e botou a nadar cara ao barco.
Entón o mariñeiro Titán, o que desafiara a
Poseidón, berroulle que non esquecera o seu talismán. E volveu
pola buguina. Logo, nadou cara ao navío "coa ilusión dun
amor de estrea", curadas xa as cicatrices do seu desamor.
|