Licenciado en
Filoloxía italiana e en Ciencias da Información (sección
de Xornalismo), foi redactor da revista Tempos e na actualidade,
ademais de colaborar en diversas publicacións periódicas, dirixe
a revista de literatura infantil e xuvenil Fadamorgana. Escribiu
tamén guións para diversos programas de radio e Televisión
de Galicia.
Os premios literarios (co seu primeiro libro,
Ó outro lado do sumidoiro, recibiu o Premio
Merlín en 1988, que gañou tamén na edición do ano
2000 pola obra xuvenil As cousas claras) avalan unha das
traxectorias máis sólidas da literatura infantil-xuvenil galega.
Os gatos de Venecia foi finalista na VIII convocatoria do
Premio Lola Anglada no 1991. Fíxose merecente do Premio O Barco de Vapor
nos anos 1997 e 1999 polas súas novelas Valdemuller e
Os ollos do Tangaleirón, respectivamente. E
gañou a edición do 2002 do Premio Raíña Lupa con
O armiño dorme, novela ambientada na Italia do século XVI.
Unha parte importante da súa producción
diríxese aos lectores máis novos: Melanio e os
paxaros (Sotelo Blanco, 1990; revisado para a súa
publicación na Serie Branca da Colección O Barco de Vapor dez
anos despois); o sorprendente As porcas porquiñas, con
ilustracións de Noemí López, máis rotundas na
reedición para a colección Montaña Encantada;
María está a pinta-lo mar, entenrecedora
historia dunha nena chea de ilusión disposta a vencer a súa
enfermidade coa imaxinación; A memoria das árbores,
que inaugura unha nova e orixinal colección (Sondeconto), onde
a literatura infantil e a música van collidas da man; ademais, a
recuperación da literatura popular está presente en O home
máis rico do mundo, A caixa do tesouro e mais O xenio do
sultán.
O seu traballo divulgador da nosa tradición literaria
entre os nenos e mozos combina a información rigorosa coa amenidade da
peneira literaria e a imaxinación nas biografías de algúns
dos principais escritores da literatura galega de todos os tempos. Comezou en
tres edicións do Tren Caixa Galicia, organizado pola Biblioteca
"Nova 33", coas biografías de Rosalía, Castelao, Paio
Gómez Chariño (reeditados como volumes independentes por
Edicións Xerais na colección "Así vivu", que
incorpora unha biografía de Ánxel Fole). E no 1998, con motivo do
Día das Letras Galegas dedicado a Mendiño, Martín Codax e
Xoán de Cangas publica nunha edición institucional
espléndida para primeiros lectores senllas lúdicas
introduccións ao tempo e obra dos xograres: Rumbo á Illa
de S. Simón (Mendiño), Caramelos Martín
Codax e Xograr Cangas e asociados.
Na actualidade é o responsable da colección
Sete Mares da editorial Galaxia e profesor de Xornalismo na USC. En
setembro do ano pasado foi nomeado Coordinador da Comisión de
desenvolvemento de proxectos do IBBY, membro do Xurado do Premio do IBBY -
Asahi Reading Promotion así como integrante do Comité Organizador
do 28 Congreso desta organización internacional.
|