|
Carme é unha nena de oito anos á
que lle cambiou o mundo desde que naceu Pepe, un irmán que xa fixo sete
meses. Todos están pendentes del. Regaloulle a tía Marta un
caderno para que escriba o seu diario e nel deixa pasear a imaxinación,
conta o seu mundo de preguntas, de porqués que non sempre atopan
resposta adecuada nos adultos.
Pablo é o seu mellor amigo e compañeiro de clase. A súa
mai, tendeira co home na emigración, deixa a Carme despachar no negocio.
Con el vai onda o vello Tomé, que lles conta vellas historias e explica
cousas curiosas da natureza. Pablo é o capitán dunha banda que
aproveita as clases de matemáticas dos venres para repostar auga nos
baños e no recreo competir coa do Chuvias (ruín, que tira as
cousas do estoxo a Carme) a ver quén mexa máis lonxe. Pero un
día tanto bebeu que inchou e quedou deitado no chan, todo branco. A
profe explica na aula a existencia de células malignas no corpo e a
leucemia: Pablo ten cancro no sangue e por iso non vén ás clases.
Trátano con quimioterapia, cáelle o pelo e volve, pero non
está ben. Nunha excursión á praia un corvo mariño
morto fai que Carme reflexione sobre o ceo e o inferno. Sobre a morte.
No verán, de vacacións e festas, os vermes de seda medraron e
botaron a voar, como bolboretas vivas do soprador de vidro. Cilistro,
mariñeiro sen pernas, conta que lle morreu a moza, Aurora, como a aurora
boreal. Na volta ás clases, Pablo xa non volverá pois
complicáraselle a enfermidade coa varíola. Os compañeiros
escríbenlle unha carta. Tamén Carme. Que medrou. Acariñada
pola nai, que lle canta unha anaina escrita polo pai cando ela naceu,
cáenlle, a modiño, unhas bágoas.
|