|
Neste volume
recóllense as colaboracións de varios escritores e ilustradores,
que son resultado das experiencias vividas trala realización do
Camiño Francés por Galicia. Marilar Aleixandre, baixo o
encabezamento de "A Tartaruga e o Sapoconcho", vai relatando as
distintas etapas do Camiño e introducindo as historias que xurdiron ao
longo do seu percorrido e das que son autores os diferentes
camiñantes.
En "A galiña peregrina", de Gloria Sánchez,
nárrase a historia da galiña de Santo Domingo da Calzada, que
movida polo seu desexo de voar, viaxa ata Compostela para rogarlle ao
Apóstolo o seu cumprimento.
En "Chavo de laranxa", de Fina Casalderrey, unha nena meiga, que
está sentada na lúa, relata a orixe da catedral de Santiago e de
tódolos seus arredores.
En "As verbas que fan o camiño", Antonio García
Teijeiro achega uns versos, baseados en rimas da tradición oral,
estructuras paralelísticas e xogos de palabras, por medio dos cales vai
enumerando elementos do Camiño.
En "O neno que perdeu a súa avoa", de Xabier P. Docampo,
cóntase como, despois da desaparición da avoa de Gregorio, se
coñece o misterio dos da casa de Ardao, que gardaban vellos nunha
neveira para, cando estaban aburridos, desconxelalos e ter conversa.
"Roldán e as tres princesas de Libredón", de
Xoán Babarro González, é un romance que conta as aventuras
de Roldán quen, coa protección dunha cónchega peregrina,
salva a súa vida e libera dun meigallo a tres princesas, que o
diaño transformara en pedras.
"O pozo", de Paco Martín, conta o que lle aconteceu a Afonso
cando decidiu abandonar o seu fogar logo de namorarse ao ver no pozo o rostro
dunha moza florentina, que peregrinaba a Santiago.
En "A vella foto das Estrelas", de Agustín Fernández
Paz, Branca, unha adolescente que non está interesada en facer o
Camiño de Santiago, comeza a sentirse diferente no Cebreiro, despois de
ter un estraño encontro cun rapaz que fora soterrado alí.
En "A sombra dos morcegos", de Marilar Aleixandre, tres mozos
pérdense nas serras do Xallas e pasan alí unha terrorífica
noite, cando se dirixían a Fisterra para rematar o Camiño de
Santiago.
En "Orellas de podengo", de X. A. Neira Cruz, unha rapaza de
Compostela e un mozo belga, que viñera ata esta cidade para redimir a
súa condena, viven unha historia de amor.
|