|
Xoana, bruxa anciá con aspecto xuvenil,
garda nun cuarto pechado ás visitas dous sapos máxicos,
arañas e, sobre todo, a caixa dos demachiños, onde está o
seu poder de meiga.
A filla, Marta, de quince anos, non segue o seu camiño e faille caso de
máis ao mozo, Ricardo, que só pode estar tranquilo con ela se
antes, por exemplo, bota unha vaíña de nove follas na pía
da auga bendita no momento de alzar o cura: a meiga queda inmobilizada e
entón poden pasear tranquilos. E, claro, Xoana víngase:
bótalle o mal de ollo á familia de Ricardo (non venden na
cantina, mórrenlles as galiñas, teñen unha plaga de
piollos verdes na casa...). Para librar do aollamento, Ricardo maza e lava con
lixivia unha camisa da meiga.
Cando Fortunato, o titor de Marta no colexio, intercede polo amor dos rapaces,
Xoana enfádase e provócalle unha caída con lesións.
Logo, para que a filla lle colla gusto á meiguería, lévaa
a practicar voo na vasoira. Para acabar de dominarlle a vontade, vén
vivir con elas a curmá Berta, da que se namora perdidamente Ricardo
gracias ás "malas artes" de Xoana. Pero Marta contraataca
aprendendo un esconxuro e dándolle de beber a Berta, mentres dorme, un
demachiño (que é pequeno como unha formiga) nun dedal: come e
vomita arreo a comida.
Unha vez que estaban as tres voando nas vasoiras, entre Fortunato e Ricardo fan
que Berta caia na sima da Espenuca e Marta nos brazos do mozo. Resulta que por
un amigo do profesor conseguiran o antídoto para o mal de ollo, os
ollomaos, pequenas cunchas, coñecidas tamén como "ollos da
sorte" que fan que o mal de ollo se volva acrecentado contra quen o botou.
A consecuencia foi que Xoana enfermou seriamente e colleu o físico da
súa idade, uns setenta anos.
Pero as bruxas non poden descansar tranquilas se non teñen quen as
suceda. E Marta non quere. Madia leva que a vasoira acepta herdar o poder da
bruxa. Agora, anos despois, Xoana é unha pacífica anciá e
Marta mais Ricardo casaron e teñen fillos. Aínda que como falta
un demachiño, todos eles teñen cadanseu colar de ollomaos. Por se
acaso.
|