|
Crispín, un viúvo xa na costa dos
setenta, anda a axexar á veciña do cuarto piso, Eleonora,
asomándose á varanda do balcón. Mesmo intenta facerlle
fotos, pois está intrigado por saber quen é Gloria, un ser
misterioso que ninguén viu a quen ela lle canta cancións ou conta
contos.
A súa neta, Xulia, que aínda non ten 8 anos, é a
súa mellor confidente desde que se instalou na cidade no piso do fillo.
A ela cóntalle que quixo ser fotógrafo para conquistar a
súa muller, a súa "bordadora de soños", nos
tempos de antes da guerra, cando un retrato era como un tesouro.
Un día, logo de subiren xuntos no ascensor (aínda que el, por un
traspés ridículo, decidiu seguir desde o segundo piso polas
escaleiras), Eleonora convidounos a el e mais a neta a merendaren na súa
casa e botar uns contos. Xulia, logo de sorprendelo ollando con tristeza as
fotos que lle fixera á súa muller, convénceo de que acepte
a invitación da veciña. Eleonora cóntalles que é
filla de artistas de circo; medrou no circo e nel traballou de
"encontadora": baixo o nome artístico de Crisálida, coa
serpe Gloria ao pescozo, unha ocarina e un frasco de bólas de cores con
aparencia de caramelos engaiolaba aos rapaces con cancións e
léndolles contos dun libro que eles debían continuar.
Desvelado o misterio de Eleonora, falta da compañía que lle daba
a serpe morta no piso por un constipado, o fillo e a nora de Crispín
ollan emocionados como vai de ganchete con Eleonora ao circo, levando
tamén a Xulia, recuperando así a arela de vivir.
|