|
Conta Siro que lle
oíu á tía Edelmira dicir chorando que ao tío
Serafín "estalle caendo un parafuso da cabeza". Sempre foi un
pouco especial porque sufriu unhas febres reumáticas de pequeno e desde
entón de cando en vez fai uns acenos moi raros coa cara. O seu fillo,
Down (Guillerme, para os demais) tamén é un pouco diferente: ten
ollos de chinés, gafas de lentes grosos e mans gordechas. Naceu cando a
tía, xa co pelo gris, tivo unha enfermidade chamada
"depresión".
Como se acaba de trasladar de barrio na cidade, empeza nun colexio novo, onde
cursa Primaria. Contra o que lle dixo o amigo Miguel de que os nenos doutros
barrios son como marcianos, os seus novos compañeiros son todos normais.
Traizoouno, por iso está enfadado co seu mellor amigo e non ten a quen
contarlle o que lle está ocorrer, pois o seu único amigo é
agora o gato, Chas.
Como os pais de Down foron ao hospital, e aínda que Siro ten corenta de
febre, esa noite vén durmir con el. Siro sempre dorme contando
años, pero o curmán pídelle que conten flores, que lle
encantan. Van ter que estar varios días xuntos, mentres non volven os
tíos. Ao día seguinte, xa lle pasou a febre e vai ao colexio. No
autobús, Sara, quen por certo dorme contando bicos, deixa que se sente
onda ela. Sente que lle gusta o recendo do seu pelo. No colexio, a profe
explica o que son os cromosomas cunha baralla de árbores e froitos (por
unha pregunta del, xa que segundo a mai Down é así por ter un
cromosomas de máis).
Veno buscar a mai ao colexio porque Down pechouse no baño, e está
chorando. Confésalle a Siro que non sae porque non hai papel
hixiénico; cando llo dan, sae e ensínalle o seu xardín de
margaridas azuis no "Obradoiro de xardinería" do fermoso
colexio. Tamén lle presenta a súa noiva, María. Logo, van
a un centro comercial, onde a tía Edelmira lles trae a nova de que ao
tío Serafín vanlle dar a alta dentro de dous días. Iso,
para Down, quere dicir que non vai morrer, polo que rompe a chorar de
alegría (segundo a mai de Siro, porque é moi sensible). Ademais,
atopan a Miguel e amígase con el. Entón é Siro quen chora
de alegría. E acordan ir comprar un parafuso dourado para o pai de Down:
este terá que poñerllo na mesiña de noite por se lle volve
caer outro, para que non teñan que ingresalo outra vez. Dormen contando
flores. E mañá se cadra el pregúntalle a Sara se lle
gustan as flores, como á moza do curmán. E ao mellor
pídelle que sexa a súa noiva...
|