|
Celebrando a
chegada ao número cen da Colección Merlín,
publícanse neste libro catro relatos orixinais de algúns dos
autores máis destacados que nela teñen obra.
En O Rato de Biblioteca e a gaiteira de Marín Marilar Aleixandre
narra a historia dunha fábrica de cartón instalada preto de
Marín, que contaminaba a ría. Como as autoridades lles botaban a
culpa aos ratos, unha gaiteira tocou para que a seguisen engaiolados. Ata que o
rato de biblioteca razoou que os culpables eran os donos da fábrica:
enfeitizados pola música da gaita, acabaron no fondo do mar. E quedaron
coa fábrica outros donos preocupados polo medio ambiente.
Depende de nós, de Fran Alonso, presenta a unha personaxe que nun
día aparentemente alegre, só enturbiada por ameazas misteriosas,
sae á rúa onde lle ocorren cousas insólitas como que lle
desapareza o piso no que vive, quede sen voz, visite unha xirafa que
está na bañeira ou uns pescadores devolvan os peixes ao mar.
Perséguena dos xeitos máis insospeitados as frases "Sei quen
es" e "Dependes de min", que resultan formar parte dunha
campaña publicitaria: é unha personaxe de ficción á
agarda de historia, que terá a vida que queiran os autores e
lectores.
Xosé A. Neira Cruz en Un agasallo inesperado conta do premio
veterano que lle tocou a Marcos no paquete de bombóns. Cando chegou
á chocolatería, o ancián encargado rebuscou entre as
vellas caixas cos números premiados e sorprendeuse: tocáralle un
avó.
Escribe Antonio Reigosa en Aire de sumidoiro que o novo alcalde
prometera poñer a cidade aseada e relucente. E así foi: ao
día seguinte de saír elixido as rúas estaban impecables,
gracias a que instalou un sumidoiro calcarrúas diante da porta do
concello. As mulleres que sacudían as alfombras polas ventás,
saían voando detrás delas, os donos de cans que mexaban nas
rúas víanse obrigados a mexar canda eles, etc. Pero pouco durou o
cambio: uns estudiantes verqueron auga do polbo cocido polo sumidoiro mollando
e derramando o "Manual das Bruxas Preguizosas". Entón deixou
de producir efecto o seu aire, que saía polo sumidoiro. Polo menos, os
veciños cambiaron: decidiron limpar entre todos a cidade
enmerdada.
|