Agustín Fernández Paz: A literatura infantil e xuvenil en galego
Col. Peto, 13. Serie Claves
Edicións Xerais. Vigo, 1999

A literatura infantil e xuvenil en Galicia

Subtitulada "Crónica dun agromar difícil", presenta unha aproximación á historia da literatura infantil-xuvenil galega dende un enfoque declaradamente persoal, tamén nas súas valoracións. O autor, un dos escritores de referencia da nosa literatura, é ademais codirector dunha colección, crítico circunstancial e estudoso do libro para lectores novos.
Logo de situar o contexto histórico e a realidade sociolingüística nos seus condicionantes diglósicos, analiza a difusión do libro galego desde a problemática do creador e, sobre todo, dos limitados canles de difusión, tanto no ámbito familiar como social e industrial.
Estuda a seguir a historia da nosa literatura infantil-xuvenil en tres grandes etapas: dende 1960 a 1978 (coa finalización formal da dictadura), entre 1979 e 1988 (período marcado pola presenza da lingua galega no ensino) e dende 1989 até 1998 (anos de madurez formal, con diversificación de xéneros e aparición de novos autores e ilustradores, e de consolidación da súa incidencia social, mesmo exterior, xerando un amplo tecido asociativo, institucional e industrial en torno ao libro para lectores xoves).
Pecha o ensaio un anexo sobre os premios da literatura infantil e xuvenil galega.



76 p. - 18x11 cm.                                                         ISBN    84-8302-402-0



Opinion