Can Pelota

PREGÓN DA 3ª FEIRA INTERNACIONAL DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL


Amigas e amigos de Chantada:

Estou eu aquí para falar de libros e para falar da conveniencia de ler e eu pregúntome: ¿a ver se vai ser peor e de tanto insistir no choio vai resultar todo o contrario? Porque a estas alturas da historia tamén me pregunto se queda algún amargado ou amargada que non saiban que a lectura é o pracer máis grande e barato que se pode conseguir neste planeta.

Un pode ser afeccionado ó futbol e tratar de ser feliz, pero pode levar moitos disgustos porque pelotas hai moitas e campións só uns poucos. Un pode apaixonarse polo ciclismo, pero non sempre ten un Álvaro Pino ou Induráin para vibrar. Sen embargo no mundo inmenso dos libros un pode gañar todos os campionatos dos praceres e das informacións. Hai libros para todo e para todos, pódese ler por etapas ou contrarreloxo e ir de présa ou a modo, porque hai máis libros que días e horas para disfrutalos.

O ser humano é un bicho contradictorio que non ten nada por dentro a non ser as palabras. Estamos pensados de palabras e pensamos con palabras. Mesmo cando toleamos o problema é que escoitamos máis palabras da conta e cando nos vén a melancolía o que pasa é que non nos chegan as palabras. O maior invento da civilización humana non é nin a roda nin o lume nin a máquina de vapor nin a intelixencia artificial nin nada de todo iso. O maior logro da humanidade é o alfabeto e a escrita: representar con garabatos precisos a confusión e a claridade do que pensamos, do que sentimos e do que presentimos. Coas palabras estamos no mundo e explicamos o mundo, lemos dos papeis e das pantallas dos ordenadores. Hai que ler ata para vacilar no karaoke, hai que ler e escribir moito para lograr as mellores historias do cine e da televisión. Lede, lede e lede todo. Ata as instruccións dos medicamentos e as etiquetas dos iogures.
Antón Reixa Lede, lede sen complexos e incluso sen medida. O único exceso permisible e aconsellable na nosa existencia de limitacións é o da lectura. Lede como posuídos e como se o mundo fose acabar na páxina seguinte. Abride todos os libros e fechádeos se é que non vos gustan, porque sempre haberá outro libro na estantería seguinte para a vosa satisfacción. Lede para ser libres e para vivir mellor.
A lectura, ese pracer que incluso en exceso é aínda mellor. Lede por vós mesmos e que non lean por vós. Porque o mundo está cheo de palabras e a min non me chegan hoxe as palabras para convencervos. O mundo está cheo de palabras e o territorio soberano das palabras son os libros. Conquistade as palabras, as vosas e as de todos os libros do mundo. Porque as palabras están mellor e máis ó noso favor nos libros que na boca dos bocazas.

Conquistemos as palabras, acabemos cos bocazas.

Chantada, maio de 1996

Antón Reixa

Adiante