|
Licenciado en
filoloxía galego-portuguesa, está profesionalmente vencellado ao
xornalismo e á edición. Redactor na tan interesante como
frustrada experiencia do Diario 16 de Galicia, a súa vontade de
ser testemuña da realidade, presente tamén na súa
creación literaria e na paixón viaxeira, maniféstase en
colaboracións en diferentes medios (o semanario A Nosa Terra, o
xornal La Voz de Galicia ou a revista Tempos). Desde 1992
traballa en Edicións Xerais de Galicia.
Autor dunha importante e recoñecida obra narrativa e poética e
merecedor de galardóns como o Premio Blanco Amor de Novela Longa,
cre que a literatura axuda a comprender mellor o mundo no que vivimos. Fillo
inexcusable deste tempo, confesa que lle gusta escribir máis co
corazón que coa cabeza e reivindica a capacidade subversiva de toda
literatura como posibilidade de lanzar unha ollada interpretativa e
crítica sobre a realidade persoal e colectiva. |