|
Manuel Lorenzo considera este texto
dramático como un libreto escénico inspirado remotamente no conto
"Oh, dear, said Tiger", de Donald Bisset. Escrito por encargo de Pedro
Rubín, director do grupo Teatro Galileo, polos cambios feitos ao longo
dos ensaios considérao coautor. En catorce escenas breves,
preséntase nun Xardín ao Autor, un escritor de libros que non
inventa os contos: agárdaos e cando veñen visitalo dende o seu
mundo encantado escríbeos no seu caderno en branco. Visítao un
Tigre que só se alimenta de palabras; está famélico porque
hai moito tempo que ninguén lle conta unha historia. Para que escriba
unha historia e logo lla conte, lévao ao País dos Contos. No
camiño, atopan unha árbore que canta e un dragón que bota
lume pola boca. Mais o Autor queda durmido e acórdao un can que en lugar
de ladrar repenica coa fame; cando lle dá un bocadillo reclama que lle
conte un conto dos varios que ten no seu libro, malia que el non escribira
ningún. Así, disfrazado do pelícano Artur, o Autor vai
pescar un arenque que fuma, mais non lle cae ben un arenque tan afumado.
Visítao logo a Árbore, que quere cantar un rap á moda de
Manhattan; dela sae o seu espírito en forma de peixe que saúda en
varios idiomas. Vai en tren a Portugal onda Amália Rodrigues, que canta
un fado e xoga co autor ao conto do balancín, no que un é
Señora Adiante e outro Señora Atrás, ate que caen de cu.
Finalmente, o actor que fixo todos os animais reclámalle a súa
existencia real, sen a cal as criaturas da súa imaxinación non
terían vida. El tamén necesita o Autor para vivir. Deste
xeito, os contos do libro cobran vida. |