|
Patecho é un neno pequeno que naceu nunha
casiña preto dun río na parroquia de San Martiño, no medio
dun val. Gústalle xogar cos seus amigos no campo dos Agros á
busca de ras, grilos ou niños de paxaros, ás adiviñas ou
recitados populares e a facer xoguetes como chifres con pao de ameneiro. A
escola, sen embargo, non lle gusta, porque non lle fala deste seu mundo
próximo, aínda que o pasou moi ben un día que foron de
excursión a Fisterra coñecer o inmenso mar. Coa primavera,
chega o cuco, que non consegue ver, pero si unha parella de andoriñas,
que fixo niño no piso do faiado, case enriba da súa cama, que se
converte no seu observatorio. Na fraga de Morzón, descobre o niño
duns esquíos, que axexa varios días ata que, ao medraren, empezan
a moverse polo monte. Menos mal, porque así deron librado no
verán do pavoroso incendio que arrasou todo. O seu amor polos animais
recibe o premio dun cadeliño, fillo da cadela dun amigo; é o seu
novo compañeiro. Co outono, volve a escola e Patecho
encóntrase nela cos poemas de Rosalía, nos que tamén
está a verdade do seu mundo auténtico. Medrou: os
pantalóns quédanlle pequenos. E seguirá medrando, libre,
en contacto coa nosa natureza. Oxalá que nunca se esqueza de
soñar que voa libre coma o vento. Como todos os nenos. O mundo
narrativo do neno rural incorpora un atractivo repertorio de xogos e
adiviñas populares, que aportan un interese engadido. |