 |
Subtitulado "Poemas e Contos para os nenos",
reúne dez poemas de Pura Vázquez e nove contos de Dora
Vázquez, que se alternan no libro ata o derradeiro texto,
poético. Cada conto vai acompañado dun pequeno glosario das
palabras galegas máis difíciles coa correspondente
traducción ao castelán. Nalgúns relatos a
fantasía é o eixo do soño: os xoguetes desde o seu
escaparate ven como os nenos os miran con desexo, pero senten a tristeza dunha
nena pobre, que non ten cartos para mercar ningún; no xardín que
coidan cinco trasnos unha princesa arrinca, sen importarlle a súa dor,
as flores que unha Fada pon de novo, ata que un día non o fai e
entón a princesiña ao ver o xardín sen flores chora
arrepentida: como aprendeu a respectalas, a Fada coa súa variña
máxica reponas; a Rosalina, convertida en pomba, o Príncipe
Triste disparoulle unha frecha, casou con ela e desde entón foi o
Príncipe Feliz; cortando na leña co pai, un rapaz atopa un
piñeiro con piñóns de ouro, que en vez de aforrar malgasta
pasando de estudiar, ata que un anano lle reprocha a súa ingratitude...
no que en realidade resulta ser un soño que lle serve de aprendizaxe
para a vida; unha muller pídelle a Deus ter un fillo aínda sexa
pequeno como a palma da man e teno: é Pequeniño, que gracias
á fada familiar vai medrando, e tamén a propia casa...
Noutros textos os animais son os mensaxeiros da lección moral: a pequena
gaivota que criou o fillo dun mariñeiro en canto aprende a voar decide
irse libre, non porque non queira ao rapaz senón porque así
é a súa vida; o paxariño que se cría nun
niño de cegoñas, pois un rapaz destrozáralle o seu, cando
se manca ao intentar voar cura coa axuda dunha rapaza, que ao velo triste na
gaiola céibao, pero outro rapaz mátao cunha escopeta de
balíns... E a propia escola pode ser un excepcional lugar para a
aprendizaxe da vida: Pernas de Trapo, un rapaz que non rexe coas pernas, logra
comezar a andar gracias á axuda do mestre, que lle deixa unhas muletas e
o anima; Margarida foi de excursión ao bosque e nel quedou
despistándose da mestra, ata que a viron uns ananos que a levaron onda o
pai anano, quen lle explicou que fixera mal desobedecendo, guiándoa de
volta á casa: chegou convencida de que ía ser mellor e
había estudar. Os poemas, sonoros e sinxelos, percorren o seu
espacio metafórico na compaña de animais como os vagalumes, o
caracol, os grilos... no tempo fermoso das vacacións, da primavera en
abril, do arco da vella ou das fogueiras de San Xoán, ás veces en
clave de xogo infantil, como nunha alegre rolda. |