 |
Conta a voz narradora que viu un día a
Vaca de Fisterra en Touriñán. Poucos acertan a vela pois é
demasiado grande e de preto confúndese con penas e árbores.
Recoñeceuna polo seu bruar, que é o único que
coñecen os fisterráns e por iso lle chaman "A vaca" á
bucina do faro. Daquela batallaba por descifrar os fragmentos das Memorias do
Dragón, cousa que conseguiu nas partes que reproduce a seguir,
alternándoas coa súa propia narración. Conta Basilio,
o Dragón de Duio, que os dragóns voaban libres sobre a superficie
da Terra, sabios e prósperos, ata que Carlomagno, traído por
Reinaldos e a cobiza, buscando a trabe de ouro puxo sitio á cidade. Pero
atopou a trabe de alcatrán, provocando que todo se inundase de chapapote
fedorento e lume, polo que o dragón, utilizando un conxuro de
Merlín, asolagouna. Desde aquela viven empobrecidos en Milmontes. Na
confusión do asolagamento perdeu un torques de ouro. Atópao un
rapaz de 15 anos, Miro, que intenta ler a súa inscrición en
latín e queda a medio camiño entre o mundo subterráneo e o
exterior. Atópano dous dodos, esas aves xa extinguidas, e lévano
(co seu can Chisco) á cidade de Nañirout, a antiga Duio,
desexosos de coñecer as modernidades dos humanos. Alí, Miro, que
fala ás veces en palíndromos, como Basilio, asiste a clases de
Actividades Perfectamente Inútiles ou Malos Modais no instituto dos
dragóns. E coñece a Morgana, de cor azul como os humanos, que lle
pide axuda para evitar que o Consello de Notables autorice unha
escavación no xisto azul sobre o que está asentada a cidade para
supostamente recuperar o Corgo de Lume, a pedra máxica desaparecida no
mergullamento, pois en realidade queren a trabe de ouro macizo á que
está pegada a de alcatrán, polo que é imposible sacar
aquela sen que esta estoupe: ¡entón desaparecería a cidade!
Para evitalo, van ata o Cabo do Mundo á busca da Vaca de Fisterra,
que os engole entre a herba; cando conseguen saír, enteirada do seu
obxectivo, disponse a ser a súa guía. Camiño do monte
Pindo, cázaos o monstro mariño Vákner, que non os come
porque un Desordenanza lle dá cartos por unha trenza de Morgana, coa que
pretende forzar o voto do pai dela no Consello de Notables a favor da cobizosa
escavación. Libran de Vákner provocando que beba auga da fonte de
Ricamonde despois de comer polbo, cortándoselle a dixestión. O
barqueiro Chorente ou Charonte, a cambio da trenza que lle queda a Morgana,
pásaos á outra banda do Xallas, no que as xacias intentan atraer
a Miro co seu canto. Enzoufados na bosta da Vaca e guiados pola toupa, baixan
ás minas dos olláparos (xigantóns dun só ollo pero
moi bo olfacto), onde se fan co corgo. E saen da súa furna porque
Morgana os enreda con adiviñas e a promesa dun bico. Na outra banda do
río, onde Chisco quedara a agardalos, atácanos os Desordenanzas
sen sombra, que se fan coa pedra matando o can e cortándolle unha man a
Miro. Na Pedra da Serpe, onde os leva a Vaca no seu lombo, pégalla de
novo a cobra Ofiusa, a máis antiga das serpes, con chuspe dos grilos a
cambio do cadáver de Chisco. Reunido o Consello para debater a
proposta do Consorcio de substituír o xisto azul por formigón,
irrompen Miro e Morgana. Explícanlle a verdade ao Dragón de Duio
e danlle o corgo (pois o que lle colleran os Desordenanzas a Miro fora o
pelouro que metera na boca para evitar as xacias). O Consello rexeita a
escavación e acorda levantarlle un monumento a Chisco, morto pola
causa. Morgana, de quen se namorou Miro, queda en Duio, pois ten moitos
máis anos que o rapaz aínda que non o pareza, xa que alí o
paso do tempo ten outra dimensión. Arnal decide vivir con Miro cinco
anos (o que lles dura o feitizo aos dragóns) baixo a forma de lagarto
con marcas azuis na pel, sen poder botar lume pola boca nin ás. Dicindo
a fórmula en latín mentres empuña o torques, o
Dragón de Duio fai que Miro apareza na súa habitación. Un
lagarto arnal pídelle na lingua dos dragóns que lle ensine o dos
ordenadores. Pero Miro dille que agarde: ten que ir poñer a mesa.
Basilio non quedou moi contento co rapaz humano, que lle revolucionou os
dragóns novos falándolles de ordenadores e das bandas de rock.
Aínda que gracias a el recuperou o torques de ouro. E contan que mesmo
xa ten un ordenador e está conectado á rede. |