blix



Varios: Un saquiño de contos
Ilustracións de Xan López Domínguez

Col. Merlín. Edicións Xerais
Vigo, 2001

Un saquiño de contos

Celebrando a chegada ao número cen da Colección Merlín, publícanse neste libro catro relatos orixinais de algúns dos autores máis destacados que nela teñen obra.
En Macarrón de narices Xoán Babarro González conta que a obsesión do rei de Narices, Macarrón I, por comer macarróns acabou por provocar que soberano e súbditos tomasen forma de tubos, que mesmo se empregaron por lamentable confusión para as conduccións nas casas. Aínda que, descuberto o erro, conseguiron curar comendo xamón e compota de mazá, sempre mantiveron un fociño amacarronado...
Fina Casalderrey presenta en Un saco de estrelas a unha vella misteriosa que co seu saco luminoso pasea na primavera por onda os nenos. Unha rapaza, Alba, é a afortunada que desvela o segredo da conversión das bufandas coloristas, en realidade sinais de amor, no marabilloso arco da vella.
Conta Antonio García Teijeiro que Xulieta, coa compaña dun monifate pintado no encerado, achégase ao mar e alí unha onda explícalle que os versos de don Evaristo son Verbas de sal, que lles di ás ondas pois os novos non o queren escoitar. Entón, a rapaza convoca aos nenos na vella biblioteca pechada, onde recuperan as palabras fermosas do agora poeta feliz don Evaristo.
Florentino, o príncipe Quino de Gloria Sánchez trata o acontecido nun país de corrichos, no reino da inmundicia, onde o rei era o máis porco de todos, como correspondía ao seu máximo cargo. O seu problema comezou cando tivo un fillo: educado, como é natural, pesimamente, non lles facía caso aos profesores, pois ata se duchaba con auga e xabrón ou non facía borranchos nos exames se descoñecía unha resposta. O pobo, con desprezo, deu en chamarlle Florentino, o príncipe Quino. O pai desherdouno e botouno do reino. Nun lameiro atopou a Cocha Alba, filla do rei cocho coñecido como Míster Próper por ser o máis limpo do seu país aseado. Ela, que non soportaba tanta limpeza, víñase emporcar na lama polas noites. Como os dous eran medio porcos e medio limpos, decidiron vivir xuntos lonxe dos seus respectivos reinos, onde eran uns incomprendidos.

128 p. - 19x14 cm.                                                             ISBN    84-8302-610-4



Opinion