blix



Manuel Lourenzo González: Unha pantasma no colexio
Ilustracións de José Tomás

Col. Tucán 10+, 12. Serie verde. Rodeira. A Coruña, 2006


Unha pantasma no colexio

Conta en primeira persoa Andrés Miranda, un rapaz de 6º de EXB, que o profe de Lingua mandoulles facer un exercicio de redacción que debía comezar “Aquel día ocorreume algo extraordinario”. Era o día da volta das vacacións de Nadal, en xaneiro de 1972. Precisamente cando os curmáns acababan de revelarlle a verdadeira identidade dos Reis Magos e nin sequera os agasallos foran gran cousa. Estaba imaxinando a chegada dos reis con mil elefantes e un séquito marabilloso cando empezou a sentir que todo tremía: era un terremoto. Todos correron a refuxiarse, quedando el só no soto. De pronto empezaron a caer as paredes e a enorme trabe sobre o seu corpo pequeno e indefenso. Entón espertou: quedara durmido no colchón no pavillón, agachado detrás dunha columna, na clase de Educación Física.
Eran as 17,40 e xa non quedaba ninguén no colexio. As portas estaban pechadas e as ventás coas persianas baixadas e cadeados para que ninguén puidese entrar desde fóra. Na súa casa non o ían botar en falta pois quedara en ir aos niños con amigos e durmir logo na casa dos tíos. Púxose a debuxar no encerado da aula a profes, ridiculizados, cando oíu un ruído, como se alguén andase. Mais non viu a ninguén, e a porta de fóra estaba pechada. Os ruídos ían a máis, agora como pasos apurados con cadeas que se arrastraban. Berrou desde unha ventá do segundo piso, mais xa escurecera e ninguén o oíu co ruído de coches na rúa.
Seguía oíndo os pasos do inimigo, e mesmo baixar unha persiana. Dende o despacho do secretario (que tiña a luz acesa) chamou por teléfono á casa mais non contestaban e ao móbil dun amigo mais había problemas de cobertura. Nun caixón descubriu expedientes dos alumnos, e o seu, apartado. Tentado estaba de cambiar os suspensos de xuño, mais oíu achegarse con pasos lentos o tintín metálico. Apagou a luz, e viu unha sombra que flotaba nun corpo semitransparente cos ollos como un burato sen fondo... Ou sería a súa imaxinación? Incapaz de se mover, paralizado polo medo lembrou os contos de pantasmas que lle contaba a avoa de pequeno. O intruso, que parecía seguir na súa busca, comezou a chamalo polo seu nome. Levaba unha machada na man, tiña forma humana e un vello uniforme de soldado. Agachouse na aula de Audiovisuais. Viu que polo portón exterior do edificio entraran un home e unha muller dicindo que ían esperar a outros dous, Veiga e Luciano, para por fin descubrir algo no colexio, segundo lles pedira Luciano, que quedara tocado desde o accidente do rapaz aquel 17 de xaneiro do 72, ás 5 e media da tarde, pois era el quen manexaba a máquina. Entón o espectro abriu a porta da aula, e el liscou atravesando o seu corpo. Despois xuntáronse os catro e pecháronse nun despacho... Se cadra andaban á busca dun tesouro, como nos contos das avoas, pero o espectro seguía solto...
Agochado no faio entre mobiliario roto, algo viscoso o rozou e liscou voando: millóns de morcegos. Asustado, montou un trepatel enorme e liscou correndo. Os ladróns de embaixo tamén botaron a correr. Distinguiu entre eles a un profesor, e meteuse nun armario. A voz do espectro volveuno chamar polo seu nome, pedíndolle que comparecese ante el. Meteuse no laboratorio de Ciencias Naturais, onde descubriu a un dos ladróns todo desfeito no chan, e fuxiu tirando con todo; logo, na aula de Plástica, outro corpo desfeito: nova carreira tirando con todo e facendo ruído. A voz seguía a convocalo, dicindo que lle daría algo que o acougaría e faría que descansase para sempre. Despois, outra voz dicíalle que o quería levar ao mundo dos mortos. No pavillón, entre os chándals do colgador, estaba aforcado o terceiro ladrón. Mais aínda faltaba o cuarto, e o espectro seguíao... De pronto abriu a porta con chave a súa sombra impoñente. E logo apareceron os tres ladróns, que en realidade eran dous profes e a directora.
Escapou ao soto e alí faloulle o espectro de uniforme: cando en 1972, 30 anos antes, derrubaran o colexio vello para facer o pavillón o rapaz estaba dentro, tiña 11 anos, e alí morreu. Dende entón, Luciano, que non sabía que estaba o rapaz, nunca esqueceu o ocorrido e quérelle pedir perdón. Cando se xubilou de albanel, ofreceuse para ser vixilante nocturno, poñendo o vello uniforme da Garda Real, e conseguiu que deixasen o soto como estaba cando o accidente. Dende entón, cada dezasete de xaneiro o rapaz regresaba ao mundo dos vivos por unhas horas, ao lugar do accidente esvaéndose ao mencer. Pero ninguén o podía ver, pois é un ser etéreo, mais Luciano logrou velo no 1996: viu unha luz que se movía. Enterados, apuntáronse a comprobalo os outros tres, incluída a directora, que levaba un machete. Como vai saír o sol e vai desaparecer, din que non contarán nada e tapiarán o soto. O que o que el cría cadáveres eran o equipo de esgrima dunha profe, manequíns e pintura vermella de Plástica e os seus comentarios, malentendidos. Aclarado, en fin, todo, descobren o agasallo que lle levan: unha estatua de pedra dun rapaz en bicicleta... E nesas poden velo uns segundos (ata entón só o podían oír), antes de fundirse coa pedra da estatua e descansar, ser el pedra para sempre.

164 p. - 20x13 cm.                                                          ISBN    84-8349-022-6



 traducións 

castelan

Un fantasma en el colegio
Trad. María Isabel Soto López
Col. Tucán. Serie verde, 73. Editorial Edebé. Barcelona, 2006
168 p. - 20x13 cm / ISBN: 84-236-8190-4




Opinion