|
Na
habitación dun hospital, Diego e un ornitólogo conversan sobre as
"damas da noite". Unha delas asustou o rapaz, que está
recuperándose das feridas. Todo comezou en Semana Santa na casa dos
avós, en Penagrande, cando andaba coa súa irmá xemelga
Paula polo monte e escoitaron un son misterioso procedente da torre dun antigo
depósito de auga. A avoa, con medo, prohibiulles achegarse ata
alí, pero non resistiron a tentación de volver. Cando Diego
axexaba desde un carballo, apareceu de súpeto un paxaro enorme que
provocou a súa caída ao chan co susto. Como non se daba movido,
unha ambulancia recolleuno e no hospital puxéronlle catorce puntos na
caluga. Cando Paula confesou que viran a pantasma branca, a curuxa con cara
como de persoa, patas como de can e garras como unha aguia, todos os
veciños foron na procura daquel paxaro temido pois a súa
presencia era presaxio de morte ou desgracia para quen a vise ou os seus
familiares. E dun disparo mataron a curuxa, que saíra voando. Logo,
escacharon os cinco ovos que tiña no niño, con restos de
ratos. Alternando con este relato, unha curuxa macho, Bocabranca, nacida en
Alemaña, conta cómo aprendeu a voar e cazar. Botándose ao
camiño, veu parar onda Pinguiñas, unha branca e silandeira
raíña da noite, unha curuxa femia fermosísima, que o
convidou a vivir con ela na torre da auga e desde entón tiñan
alí o seu fogar perfecto. Ela puxo cinco ovos, dos que non se
quería apartar para darlles calor e ter os seus primeiros fillos. Ata
que ocorreu a desgracia. Triste e soa, Bocabranca resístese a abandonar
o niño cos ovos reducidos a cascas. Cando saíu do hospital,
Diego, atopou paseando polo monte unha curuxa macho mansiña. Levouna
para a casa da avoa. Aínda que esta, horrorizada, non quere nin vela,
acaba aceptándoa e axúdalle a curala, pois está ferida e
sangra. Ao rematar as vacacións, Diego céibaa: marcha voando,
brillante como unha pantasma branca. Cando volva á aldea terá
nela unha amiga. |