blix



Ana Mª Fernández: Tres risas e unha voda
Ilustracións de Manolo Uhía

Montaña Encantada. Serie Verde
Ed. Everest Galicia. León, 2000

Tres risas e unha voda

Conxunto de catro pezas teatrais, as tres primeiras en prosa con presencia esporádica do verso e a derradeira en verso rimado.
"O regalo da bruxa": a Bruxa Garatuxa consegue que unha súa beberaxe deteña o reloxo e pare o tempo. Así ela non envellecerá. Pero o Gato, o Ovo, o Gran e a Flor, descontentos pois non poden medrar ou comer, coa complicidade do Corvo axudante da bruxa, sácanlle o bebedizo ao reloxo, que bota a andar e sae buscar a primavera. Garatuxa intenta recuperalo nas casas da Primavera, Verán, Outono e Inverno, pero non está. Volvera para a súa casa, onde non ha deterse nunca máis gracias á meiga Madalena, coa que celebran unha gran festa das estacións.
"Os inventos noxentos": os animais convivían felices ignorando os problemas que hai no mundo dos homes, ata que o Raposo convence ao Galo de que os convoque para ensinarlles inventos dos humanos que lles farán a vida menos monótona. Trae a dous homes, que lles mostran unha chimenea, un coche ou unha escopeta coa que se poden matar uns a outros. Pero como non venden nada, reclámanlle ao raposo o pago prometido. A solución é unha regueifa co raposo vello: derrotados, marchan os homes sen nada a cambio.
"Sen ouro nin prata nin rabo de gata": o coello pide axuda aos veciños para rematar a súa casa: o Galo Telleiro non lle cede a tella, o Sapoconcho Fontaneiro non lle arranxa as tuberías para que teña auga e o Vagalume Electricista tampouco lle empresta lámpadas, pois non ten cartos para lles pagar. Menos mal que o Campo de trigo regalaralle palla no verán para o tellado, o Río teralle a auga morna para se lavar e o Sol daralle luz. Atopa na horta un tesouro e entón os veciños ofrécenlle o que teñen. Pero agora a el non lle interesa porque prefire o que a natureza lle regala.
"Dondulina": Dondulina é unha onda que recibiu do sol o galano da beleza, o don de pasear a luz dos seus raios. A balea fada Baleosa reúne a tartaruga e mais aos cabaliños do mar para que pregoen que chegou o tempo de que case e teña fillas que serán rosas que estendéndose curarán o mar contaminado pola malévola onda Contamina. Dondulina recibe aos pretendentes (o ollomol, o xurelo, o cachalote...), pero ningún a convence. Sae á busca do seu amor por todos os mares. Mentres, entre restos de lixo e naufraxio, Contamina trama raptar coa axuda de cobras e quenllas o elixido e casar con el. Resulta ser un pescador. Baleosa, como fada madriña, fará que este respire na auga do mar e que a onda sexa unha humana en terra. Cando se está a celebrar a fermosa voda, o Furacán, namorado dela, fai que as cobras a capturen co seu pescador, que quedará para Contamina. Pero a intervención do Sol, en dura pelexa co fero monstro, logra que os namorados recuperen a súa liberdade. E volve así a felicidade ao mar.

156 p. - 19x12 cm.                                                          ISBN    84-403-0407-2



Opinion